Paralelamente a esta cita, a Fundación Expomar organizou unha nova edición da súa feira dos produtos do mar, artesanais e ecolóxicos. Produart, que chegou xa á súa 23ª edición.
Como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, Produart é o fiel reflexo dos valores de sustentabilidade dos recursos pesqueiros de Burela, a súa tradición artesanal e patrimonio cultural.
Máis de 50 expositores déranse cita desde o venres ata a tarde do domingo nun evento que volve combinar “os saberes e sabores dunha terra que mira ao mar”, no que, ademais de produtos de artesanía e gastronomía popular, presentaranse dúas obras literarias, un festival de música, haberá concerto musical, demostración de encaixe de bolillos e degustación de produtos pesqueiros.
A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, inaugurou o evento o venres, acompañada de Carmela López, presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, e Franciso Cajoto en representación da Deputación de Lugo.
Ás 19:00 do venres tivo lugar a presentación do XI Festival Osa do Mar, que se celebrará en Burela do 5 ao 7 de setembro, con Marcos Reimunde e Diego Campo, representantes da Asociación Fanto Fantini, que organiza o festival, Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Daniel García, en representación da Deputación de Lugo, e Carmela López, presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela. O acto pechouse cun concerto especial Osa do Mar e deu paso a unha degustación gratuíta de produtos do mar.
O sábado 2 de agosto ás 11:30 presentouse a obra “Boni, unha viaxe marabillosa”, de Santiago Martínez Fernández e Julio López Quiroga, que xa presentaran o seu libro “Para Bonito, eu” na edición do ano pasado.
Ás 12:00 do sábado e do domingo tivo lugar a tradicional demostración de encaixe de bolillos a cargo da Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras “As Encaixeiras” de Burela.
Tanto durante a mañá como a tarde do sábado tamén se celebraron pintacaras infantís realizados polas monitoras do Centro de Educación Infantil “Gaia”.
O domingo 3 ás 12:00 presentouse a obra “El Secreto de la Salamandra Dorada”, do xornalista Luis Castañeda, que estivo acompañado de Lourenzo Fernández, director científico do departamento de Historia da Universidade de Santiago, Herminia Pernas, cronista oficial de Burela, e Francisco Rodríguez, familiar da protagonista do libro.
Finalmente, o domingo ás 20:00 pechouse esta nova edición de Produart, que, segundo a Fundación Expomar, “volveu ser un éxito rotundo, apoiado non só pola celebración da Feira do Bonito, senón tamén polas múltiples actividades culturais, deportivas e de lecer que se celebran estes días en Burela e que contribúen a crear a mellor atmosfera festiva, demostrando unha vez máis a capacidade de Burela para organizar eventos de alta calidade”, afirmou a alcaldesa de Burela e presidenta de Expomar, Carmela López.