Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP advirte de que se “o alcalde non toma medidas inmediatas en materia económica o Concello de Trabada acabará sumido na ruína”

José María Fernández amosou a súa “fonda preocupación” tras analizar o Plan Económico Financeiro do Concello de Trabada que indica claramente “que a xestión do PSOE está a levar ao municipio a unha situación económica moi preocupante”

Trabada, 1 de agosto de 2025. Dende o Grupo Municipal do PP de Trabada amosaron hoxe a súa “fonda preocupación” tras analizar o Plan Económico Financeiro do Concello de Trabada que amosa claramente “que a xestión do PSOE está a levar ao municipio a unha situación económica moi preocupante”.

O voceiro popular, José María Fernández, explica que este Plan Económico Financeiro é de obrigada elaboración por incumprir o principio de estabilidade orzamentaria na liquidación do orzamento de 2024 por un importe de máis de 236.000€.

“A situación económica do Concello de Trabada é preocupante polo nefasta xestión do alcalde e o seu equipo de goberno”, afirmou, ao que engadiu que “moito ten que cambiar a xestión municipal” polo que convida ao equipo de goberno a “cumprir todas as medidas recomendadas polos técnicos municipais para reducir gastos e incrementar ingresos que van ter que pagar todos os veciños de Trabada”.

Algúns exemplos que “xa sufrimos todos os veciños de Trabada” son a subida da taxa da auga en cerca do 100% ou a taxa pola recollida de residuos, así como o IBI que “este ano todos os veciños pagaremos un 50% máis”. “Seguramente imos ter que pagar o dobre por calquera documento que solicitemos ao Concello e tódalas asociacións do municipio corren o serio risco de quedar sen ningún tipo de subvención municipal”, sinalou.

José María Fernández pon máis exemplos da “neglixente” xestión do alcalde socialista de Trabada. O centro de saúde segue sen estar cedido á Xunta, tendo que asumir o Concello os gastos de mantemento “simplemente porque foi incapaz de separar o consumo eléctrico do centro de saúde do da casa da cultura, algo que esixe a normativa”.

Outro exemplo da mala xestión do alcalde é que o Concello está pagando preto de 3.000€ ao ano polo aluguer dun local para Correos “cando se poderían aforrar cedendo un local municipal”.

Unha realidade “inexplicable” xa que o Concello de Trabada “tivo máis ingresos que nunca” nos últimos 10 anos; o Plan Único ou o ingreso do parque eólico son algúns destes exemplos de ingresos que antes non había “o que demostra que a xestión económica é nefasta e os socialistas nos están levando á ruína”.

INFORME DO CONSELLO DE CONTAS

José María Fernández recorda que xa en xaneiro “advertimos” a situación económica do Concello de Trabada tras coñecer o informe do Consello de Contas. “Naquel momento xa advertíamos de que de senón se tomaban medidas inmediatas, a xestión do Partido Socialista levaría ao Concello de Trabada á ruína e semella que o alcalde está empeñado en acadar esa meta”, sinalou.

O voceiro popular afirma que o alcalde de Trabada está a “facer un Concello máis endebedado e sen futuro” no que os servizos serán cada máis caros para a veciñanza. “O futuro que queda con este equipo de goberno é moi negro, polo que Trabada non pode agardar máis, necesita dun cambio xa que do contrario cada vez haberá mais nubes negras sobre Trabada”, sentenciou.

Exit mobile version