Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Barreiros denuncia que a praia de San Bartolo segue pechada por quinto ano consecutivo

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, afirma que este areal “está pechado por quinto ano consecutivo” e que pese ás constantes promesas realizadas “a alcaldesa nada fixo en todo este tempo por garantir a seguridade para poder reabrir o areal”

Barreiros, 21 de agosto de 2025. Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros veñen denunciando dende hai varios anos o risco que hai para todos os veciños e turistas polo estado no que se atopa a praia de San Bartolo, con varias fosas ao carón dos accesos que, non están pechados correctamente para garantir a seguridade.

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda que os accesos ás praias son unha competencia municipal polo que, neste caso, “é unha competencia da alcaldesa garantir a seguridade polo que teñen a obriga de pechar correctamente estes accesos para evitar calquera risco”.

Na actualidade os accesos que non son seguros teñen unhas vallas de obra pero que “ata co vento se moven con moita facilidade, polo que non cumpre a súa función xa que non disuaden do acceso”.

José Manuel Gómez Puente recorda que a praia de San Bartolo é unha das máis coñecidas de Barreiros e xa son cinco anos os que leva pechada, pero que “tanto veciños como turistas están cansos de que a alcaldesa non corrixa a situación, polo que buscan solucións alternativas para poder disfrutar deste areal”.

Cómpre recordar que esta fin de semana celébranse as festas de San Bartolo, polo que é previsible que aumente o número de persoas que adoita haber na zona de San Cosme, polo que “habería que centrar os esforzos en pechar correctamente os accesos perigosos para evitar calquera tipo de risco”.

PROMETEUSE UNHA SOLUCIÓN EN MARZO

O voceiro popular recorda que no mes de marzo, tanto a alcaldesa como o Delegado do Goberno en Galicia mantiveron unha xuntanza trala que “comprometeron melloras nas praias de Arealonga, San Bartolo ou Valea, entre outras” e á vista dos feitos “todos vemos como pasaron os meses e nada fixeron”.

Os problemas que hai nos accesos consisten en que na escalinata central de baixada á praia, na súa marxe dereita, hai unha fosa de aproximadamente tres metros de ancho e dez de profundidade, con perigo para a integridade física e mesmo á vida humana de veciños e visitantes.

Ademais de dita fosa, existe outra, algo máis pequena, igualmente moi perigosa, ao pé dun paseo peonil, na zona detrás do Hotel-Restaurante Acantilado.

Neste senso, José Manuel Gómez Puente explica que “pese a todas as denuncias públicas que realizamos e todas as mocións que defendemos no pleno, nada se fixo” polo que “vémonos na obriga de seguir insistindo para que o Concello de Barreiros tome as medidas oportunas”.

Exit mobile version