Gómez Puente advirte da falta de xestión do goberno local en materia de limpeza e conservación dos areais que “en nada contribúe a manter unha boa imaxe de Barreiros”
“Os veciños teñen que estar informados: saber o que pasou, a que se debeu e que actuacións está levando a cabo o Concello para evitar que se repita a situación”, segundo defenden os populares.
O portavoz, José Manuel Gómez Puente, explica que “o tratamento e evacuación de augas residuais é competencia do Concello” polo que “tamén debe explicar cal foi o procedemento empregado”.
O popular advirte da existencia de distintos pozos de bombeo para dirixir as augas residuais á depuradora onde son tratadas debidamente. Nese sentido, os concelleiros do Partido Popular preguntarán formalmente ao goberno local se ten realizado os debidos traballos de mantemento para comprobar que todo funciona correctamente.
Gómez Puente afea que “a alcaldesa intente botar balóns fóra” pedindo un protocolo á Xunta cando “a competencia no tratamento de augas residuais e na limpeza das praias é do Concello e xa debería saber que procedementos debe seguir para dar cumprimento ás normas”. Ademais, cre que “o normal é que a Xunta esixa o cumprimento da lei”.
Ademais, lembra que “o vertido foi detectado pola Xunta e comunicado ao Concello, o que demostra que é unha administración áxil e colaboradora” fronte ao goberno local que, como administración máis próxima, debería estar máis pendente dos problemas que lle xorden aos veciños e veciñas de Barreiros”.
FALTA DE XESTIÓN QUE XERA MALA IMAXE
Gómez Puente cre que “a falta de xestión” do goberno nacionalista á fronte do Concello de Barreiros en relación ao mantemento das praias e o seu impulso de cara a apoiar o sector turístico do municipio “salta á vista”.
Así, aos desbroces das vías municipais que dan acceso aos distintos areais sen rematar cando xa estaba ben entrado o verán; o popular engade “outras deficiencias que non contribúen a manter a boa imaxe das praias de Barreiros”.
Gómez Puente explica que “as infraestruturas dos areais están obsoletas porque levan anos sen atención, as papeleiras non dispoñen de bolsas para recoller o lixo e moitos areais non dispoñen de auga no servizo de duchas”.
Así mesmo lembra que “os veciños e visitantes non poden disfrutar do areal de San Bartolo porque o seu acceso leva anos pechado”.