Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Muras advirte da “preocupante” situación económica do Concello e asegura que “non estamos en contra das obras, pero si de como fai as cousas o alcalde”

Os populares explican que “o Concello quedaría en números vermellos” coa proposta do alcalde que, ademais, “pretende que todos incumpramos a lei”

Muras, 28 de agosto de 2025. O Partido Popular de Muras advirte que “a situación económica do Concello é preocupante debido á mala xestión do rexedor nacionalista”. De feito, “o Concello non dispón de diñeiro para facer fronte ás obras que propón o alcalde porque quedaría en números vermellos” como recollen os informes técnicos que son “desfavorables” a esta operación.

Así, os populares aseguran que “coa súa forma de gobernar, o Concello vai a pique”. Pero, ademais, engaden que “o alcalde pretendía que todos foramos en contra da lei” porque fixo cambios despois de ter presentado oficialmente a proposta “coa intención de comprar os votos da oposición”, segundo consideran dende o PP.

A portavoz popular, Eugenia Requeijo, propuxo no Pleno “unha alternativa responsable” como é “a solicitude axudas a outras administracións para facer estas obras coas achegas do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta ou do Plan Deputación para evitar quedar sen remanente no Concello”.

Eugenia Requeijo asegura que “non estamos en contra de facer obras no noso concello”. É máis, “demandamos a mellora de todas aquelas pistas que se atopan en mal estado”. Pero, “si estamos en contra de como fai as cousas o alcalde”. A este respecto, aclara que “non podemos apoiar a proposta que levou o alcalde a Pleno porque estariamos incumprindo a lei e o que non podemos facer é apoiar as súas ilegalidades”.

A popular condena que “o alcalde pretenda impoñer as propostas sendo coñecedor de que está en minoría” e, polo tanto, convídao a “recapacitar, elaborar uns orzamentos despois de reunirse e dialogar -que é o que xa temos demandado en numerosas ocasións- cos concelleiros da oposición, que somos maioría. Só co diálogo pode intentar cambio o bloqueo que é unicamente culpa súa pola mala xestión e a mala comunicación coa oposición”, asegura.

Exit mobile version