Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia “a insuficiencia de socorristas profesionais en Foz que pon en risco tanto a seguridade das persoas coma dos propios profesionais”

Só se conta con seis socorristas profesionais titulados e o resto do persoal, ata 14, son auxiliares, que teñen limitada a súa capacidade de intervención ante unha emerxencia nas praias

Foz, 7 de agosto de 2025. O voceiro municipal do Partido Popular, Javier Jorge Castiñeira denuncia o “fracaso total e absoluto” do Goberno socialista local na xestión do socorrismo. Explica que quedou patenten no pasado pleno onde desde o PP preguntaron cantos socorristas profesionais tiña a día de hoxe o servizo municipal de vixilancia das praias en Foz. Confirmouse que só hai 6 socorristas titulares, o resto ata completar os 14 integrantes, son auxiliares, o que desde o PP xulgan como totalmente insuficiente e, sobre todo, é perigoso para os usuarios das praias”.

“O alcalde mantén en Foz un servizo de socorrismo en precario, tendo en conta que esta localidade ten un número importante de praias e moitas delas con bandeiras azuis que non se poden izar porque o Concello non foi quen de contratar o número de socorristas suficientes. A situación é un perigo tamén para o desenvolvemento do traballo de todos estes socorristas titulados e auxiliares, que moitas veces están facendo servizos que non lles corresponden ou sobre os que non teñen formación específica, confirmándose unha situación irregular. Ata o punto de que hai praias sen socorristas, algún día da semana, ou incluso atendidas só por persoal auxiliar”, explica Castiñeira.

OS AUXILIARES NON PODEN INTERVIR
O que aínda é máis grave é que o propio alcalde confirmou, a preguntas do PP, que si se da unha situación de emerxencia e a praia esta protexida só por un socorrista auxiliar, non pode intervir, ten que chamar a outros servizos para que interveñan, isto é inaceptable e supón poñer en risco a saúde, a seguridade e a vidas das persoas.

Foz está ademais nunhas condicións moito peores que calquera outro concello veciño, que teñen un mellor servizo de socorrismo, máis medios, e profesionais titulados. Hai polo tanto falta de xestión e de vontade no goberno socialista local.

“O goberno local está obrigado a cambiar esta situación, recoñecer o fracaso e mudar de estratexia” -di o voceiro popular-. Se é inaceptable que Foz teña que renunciar ás bandeiras azuis que lle corresponden por falta de persoal nas praias, moito máis grave é aínda que o servizo de socorrismo estea en precario xerando un risco para os usuarios das praias e para os propios traballadores”.

O que lle pide o PP é planificar e dotar de medios o servizo de socorrismo que é algo fundamental para a seguridade das praias e para o turismo en Foz.

Exit mobile version