Dende o Grupo Popular tamén ven necesario que o goberno provincial preste asesoramento a todos os Concellos que o requiran para poder reclamar ante o Ministerio e as compañías subministradoras que se garanta o correcto subministro enerxético nos municipios
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que “demóstrase con esta contratación unha total falta de previsión” por parte de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo porque “se impulsas servizos deste tipo, de atención a maiores, tes que garantir que en todo momento haberá servizo eléctrico”.
Non se trata unicamente de garantir o subministro para aqueles casos vitais, como usuarios con respiradores, por exemplo, “senón de garantir que haberá luz para poder subir unhas escaleiras con seguridade ou garantir que unha persoa en cadeira de rodas pode empregar o ascensor para chegar ata a súa habitación”.
Un exemplo son os constantes corte de subministro que sofren no centro de atención a maiores de Ribas de Sil que propiciou queixas entre usuarios e familias xa que “había numerosos problemas ata para moverse polo centro cando anoitecía e se cortaba o subministro”.
Ante esta falta de previsión, PSOE e BNG tiveron que contratar xeradores para estes tres centros, xa que nos restantes da rede provincial foron os propios concellos os que habilitaron este servizo para garantir o subministro eléctrico.
Ademais, os deputados populares instarán ao goberno provincial a que instale xeradores eléctricos en todos os centros de atención a maiores da rede provincial, así como que no caso de que os Concellos en cuestión o requiran realice labores de asesoramento para poder reclamar ante o Ministerio e as compañías subministradoras que se garanta o correcto subministro enerxético nos municipios.