Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG do Vicedo denuncia a falta de planificación do goberno local na limpeza de parcelas

O Vicedo, 22 de agosto de 2025. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE do Vicedo denuncia que o goberno local volve actuar tarde e mal na xestión da prevención de incendios, enviando notificacións ás persoas propietarias de parcelas en pleno mes de agosto, con prazos de só 15 días naturais e con inspeccións realizadas en outubro de 2024.

Cronoloxía dos feitos

. 14 de xullo de 2025 → O PSdeG rexistrou unha moción para garantir a limpeza de parcelas próximas ás vivendas e das faixas secundarias de biomasa, incluíndo prazos claros e campañas de información.

. 30 de xullo de 2025 → O goberno municipal votou en contra da moción.

. Mediados de agosto de 2025 → Chegan as cartas certificadas, asinadas polo alcalde, en relación cunha inspección feita en outubro de 2024 e cun prazo para as limpezas de só 15 días naturais.

. 21 de agosto de 2025 → O alcalde aparece na prensa anunciando a “esixencia” de limpeza de 850 parcelas, das cales 625 nin sequera teñen propietario identificado.

Un problema de planificación

Isto non é prevención, é improvisación. A normativa autonómica establece que as limpezas deben estar feitas antes do 31 de maio de cada ano. Enviar cartas certificadas en agosto non garante a prevención, senón que xera incerteza e problemas adicionais, xa que os traballos nestas datas poden incrementar o risco de incendios polo Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI).

Ademais, para previr tamén é fundamental ter operativa a motobomba municipal, que segue sen estar en funcionamento cando máis necesaria resulta como primeiro recurso de resposta fronte aos lumes.

O que propoñía a moción do PSdeG

1. Notificar con claridade e con antelación ás persoas propietarias as súas obrigas.
2. Fixar prazos conforme á normativa (límite 31 de maio).
3. Activar o convenio entre SEAGA, a Xunta de Galicia, a FEGAMP e os Concellos para executar subsidiariamente as limpezas.
4. Desenvolver campañas anuais de información e concienciación con charlas e materiais prácticos.

Para o PSdeG do Vicedo, non se pode gobernar a base de improvisacións e titulares de prensa. O PSdeG-PSOE do Vicedo esixe ao goberno municipal que deixe de lado a improvisación e cumpra coas súas responsabilidades, asegurando unha auténtica prevención durante todo o ano.

Exit mobile version