Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Plans con corazón’, rutas e visitas guiadas para explorar o xeodestino da Mariña do 5 de setembro ao 12 de outubro

A Mariña, 26 de agosto de 2025. Un ano máis os Plans con corazón volven á Mariña Lucense para dar a coñecer entre a poboación, tanto autóctona como visitante, a riqueza dos 16 concellos que compoñen o xeodestino. Entre o 5 de setembro e o 12 de outubro terán lugar as 16 rutas e visitas guiadas polos 16 concellos, cunha variedade de propostas e percorridos que abranguen desde contornas urbanas ata espazos rurais, desde o litoral ata a Serra do Xistral, nunha iniciativa coa que coñecer o territorio e desfrutar actividades de lecer singulares.

Neste programa de actividades, promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, poden participar todas as persoas que o desexen reservando a súa praza a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon

As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía dos 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición grupal para un máximo de 5 persoas), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.

Plans con corazón chega este ano á súa sexta edición cunha exitosa traxectoria e gran acollida, liderada por guías oficiais de Galicia, coñecedores do patrimonio local, e tamén por perfís especializados en xeoloxía e ornitoloxía. Todos eles colaboran coa empresa Volta Montana para configurar esta iniciativa, coa que amosar A Mariña como un destino atractivo e diverso, contribuír á desestacionalización do turismo –xa que promove viaxes e visitas fóra dos meses de maior afluencia– e ampliar o coñecemento do territorio a nivel local. Un proxecto para conectar coa esencia da Mariña e descubrir os seus recursos máis singulares.

Os guías oficiais serán Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías locais acreditados co selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; o guía especialista en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Carlos Gil.

Programa de Plans con corazón

1. VIVEIRO. Venres 5 setembro
Galdo, un concello que deu leña! Con Noela Feal
Visita para coñecer o antigo Concello de Galdo e a súa historia vinculada a persoeiros históricos como Pardo de Cela, a liñaxe dos Vivero ou María de las Alas Pumariño. Visita á Panadería de Forno de Leña de Galdo e mesmo poderemos participar dunha experiencia interactiva.

2. O VALADOURO. Sábado 6 setembro
O Cadramón, cumio da Mariña con Boris Vilar
Ruta de 12 quilómetros para afondar en como o ser humano comparte, dende tempos ancestrais, este espazo agreste coas bestas, o lobo e a orografía de montaña debuxada polo glaciarismo e que conta cun altísimo valor natural e paisaxístico. Ademais, escoitarase a historia do lugar a través da memoria de Indalecio, un dos últimos pastores nestas terras.

3. MONDOÑEDO. Domingo 7 setembro
Mondoñedo: val de auga e raíces con Ana Pena
Ruta da Auga que nos leva ata a fervenza do Salto do Coro e visita ao produtor de porco celta Celtagal, membro do Colectivo de Gastronomía da Mariña.

4. ALFOZ. Venres 12 setembro
Alfoz: a vida no río dourado con Ana Pena
Ruta ao carón do río Ouro para coñecer os vestixios históricos que garda, así como a natureza do ecosistema fluvial. O paseo culminará na recoñecida Finca Galea, espazo de harmonía e respecto polo medio, onde se realizará a “cerimonia do caldeiro máxico” da man de Lidia e Nines.

5. XOVE. Sábado 13 setembro
A Cruz do Pau da Vella, xeografía mítica con Boris Vilar
Un percorrido polo sur dos montes de Buio para descubrir, tanto unha planta carnívora propia destas terras altas, como unha variedade faunística do máis especial. Visita ao Pau da Vella, marco histórico entre concellos e fonte inesgotable de lendas. Como anfitrión local estará a Asociación Cultural-Deportiva de Xove, clave pola súa contribución á conservación do patrimonio.

6. A PONTENOVA. Domingo 14 setembro
A Pontenova: de cotío pola fraga con Ana Pena
Percorrido de 9 quilómetros pola Ruta da Seimeira para explorar a rica biodiversidade do lugar. No traxecto atópanse aldeas tradicionais que conservan a esencia do territorio a través da súa arquitectura popular.

7. CERVO. Luns 15 setembro
Sargadelos: do continente ao contido con Noela Feal
Unha viaxe no tempo ao longo da historia da cerámica de Sargadelos, dende as instalacións da actual planta de produción ata o Museo Histórico, para afondar nas raíces e evolución deste innovador e icónico proxecto industrial. Inclúe a visita ao obradoiro de Marmeladas A Morena, membro do Colectivo de Gastronomía da Mariña.

8.TRABADA. Venres 19 setembro
As cousas que falan da terra con Carmen Delia
Un roteiro para achegarse ás tradicións, historia e memoria popular, así como ao patrimonio natural do concello. Visita ao Museo Etnográfico José Rocha e ao obradoiro de cerámica de Lucía Catuxo, na denominada “Casa do Cura”.

9. RIBADEO. Sábado 20 setembro
Xeoruta dos Ollos co xeólogo Iván Rodriguez Lombardero
Percorrido por un tramo moi singular da costa de Ribadeo en cuxos cantís predominan as lousas e cuarcitas, rochas nas que o mar foi modelando unha paisaxe chea de illotes, furnas e bufadeiros – chamados “ollos”-, denominación dada polos mariñeiros debido á luz que entra a través deles cando se observan dende o mar.

10. FOZ. Domingo 21 setembro
Avistamento de aves mariñas con Carlos Gil de Maremasma.
A primeira saída ornitolóxica en barco nun dos momentos clave do ano para coñecer as aves que sobrevoan o litoral da Mariña a través do Corredor migratorio de aves mariñas máis importante de Europa. Unha actividade para explorar unha auténtica autopista natural que suma un dos activos máis importantes para a práctica da observación ornitolóxica no territorio. Algunhas das especies que poden avistarse serían charráns, pardelas ou alcatraces, entre outras aves peláxicas.

11. LOURENZÁ. Venres 26 setembro
Un río de historia e patrimonio gastronómico con Carmen Delia
Un paseo fluvial para coñecer as orixes, as lendas e as paisaxes do concello, pero tamén para degustar produtos gastronómicos senlleiros, como é a Faba de Lourenzá. Os participantes adentraranse no proceso de produción desta leguminosa da man da Cooperativa Terras da Mariña e terán a oportunidade de catar unha innovadora elaboración culinaria con este produto,feita por Panadería Neli.

12. OUROL. Domingo 28 setembro
Besteburiz, onde nacen as fragas con Boris Vilar
Un percorrido de 9 quilómetros a través de espazos de enorme valor para a conservación da biodiversidade, no que destacan as breixeiras húmidas e as turbeiras dos altos de Ourol. Finalizará coa intervención de membros da Comunidade de Montes Veciñais de Miñotos, cuxa labor a través do manexo do gando é fundamental para a conservación do monte e dos ecosistemas da Serra do Xistral.

13. BARREIROS. Sábado 4 de outubro
Patrimonio e lendas das augas santas con Carmen Delia
Un paseo guiado por recunchos descoñecidos do concello de Barreiros, a carón do Camiño de Santiago. Coñeceranse diversos recursos patrimoniais da parroquia de San Xusto de Cabarcos, que sorprenden pola súa beleza e riqueza artística, así como outros produtos e actividades que aportan valor ao territorio.

14. RIOTORTO. Domingo 5 outubro
A pegada dun territorio con Carmen Delia
Un paseo para descubrir como a gandeiría marcou o carácter de Riotorto, dende as súas paisaxes e tradicións, ata os antigos oficios nas ferrerías. Tamén haberá tempo para falar da historia, da riqueza arqueolóxica ou da toponimia e mesmo para saborear a tarta de Riotorto da man de Confitería Irma.

15. O VICEDO. Sábado 11 de outubro
Cabanas que chegan a ser Teatros con Noela Feal
Na actual parroquia vicedense de Santa María de Cabanas, logo de coñecer sorprendentes anécdotas de personaxes históricos como Fernán Pérez de Andrade, O Boo, os participantes serán recibidos polo actor Pepe Penabade no Teatro das Cortes, lugar para a difusión da cultura dende o rural.

16. BURELA. Domingo 12 outubro
Burela, historia da pesca no Cantábrico e outras cantigas do mar con Boris Vilar
Un paseo para entender mellor a identidade dun pobo profundamente vinculado á actividade pesqueira e ao mar, un medio inhóspito á súa vez cheo de riquezas e fonte de saberes. A “Moncloa”, toda unha institución en Burela, abrirá as súas portas para recibir ás persoas que participen nesta actividade.

Exit mobile version