Site icon Crónica3.com A Mariña

Trabada estrea o seu primeiro circuíto de pump track

Trabada, 18 de agosto de 2025. O Concello de Trabada vén de rematar as obras de construción do novo circuíto de pump track, unha instalación deportiva que supuxo un investimento de máis de 50.000 euros grazas ao convenio asinado coa Deputación de Lugo.

Este novo espazo intégrase no complexo deportivo municipal, que xa conta cunha pista de pádel, unha pista multideporte, un campo de bolos tradicional, unha tirolina e un tobogán, consolidando así a área como un punto de referencia para o lecer e a práctica deportiva no concello.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a boa acollida desta infraestrutura: “Desde o primeiro día no que se remataron as obras, o circuíto de pump track recibiu visitantes e usuarios diariamente. É unha satisfacción comprobar que este investimento responde a unha demanda real e que a veciñanza xa o está desfrutando”.

García tamén subliñou que o Concello seguirá a traballar para ampliar a oferta deportiva e de ocio no complexo: “Pouco a pouco imos continuar mellorando estas instalacións, con novos servizos que complementen a oferta existente e que contribúan a dinamizar a vida social e deportiva de Trabada”.

Con esta nova actuación, o Concello reafirma o seu compromiso coa promoción do deporte e do lecer saudable, ofrecendo alternativas accesibles para todas as idades.

Exit mobile version