Nesta edición tan especial, a Queimada rende tributo a Xosé Vizoso, artista plástico e creador dos carteis que, durante décadas, fixeron desta festa unha icona. Por primeira vez, o cartel non leva a súa sinatura, mais o seu legado continúa a través do seu fillo, Daniel Vizoso, quen asina unha obra cargada de emoción, memoria e futuro.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés destacou durante a presentación da Festa que organiza Airiños do Xunco coa colaboración do Concello que “a Queimada é moito máis ca unha festa: é unha manifestación de identidade, de creatividade colectiva e de compromiso coa nosa tradición.” Engadiu tamén que “é un orgullo para o Concello de Cervo acoller este evento que cada ano medra en participación e recoñecemento, grazas ao traballo incansable da Asociación Airiños do Xunco, que lle dá vida e contido á celebración, e que conta sempre co apoio decidido do Concello.”
A presentación oficial contou tamén coa presenza da concelleira de Cultura, Mali Méndez, do edil Adrián Arias, e de membros da asociación organizadora. Todos puxeron en valor o carácter único da Queimada, que combina ambientación tradicional, escenificación teatral, ritual máxico e música para todas as idades.
O programa completo da xornada arrincará pola mañá:
10:00 h – Apertura do Mercado Tradicional de Cervo, con postos de artesanía, gastronomía, produtos locais.
A mediodía pregón das autoridades e ambientación continua polos postos do mercado.
Xantar popular ao mediodía nos postos do mercado con propostas para todos os públicos.
23:00 h – Comeza a baixada cara á Praza do Souto, punto central da festa.
A continuación terá lugar a escenificación da Queimada, unha posta en escena única que combina lume, lenda e dramatización que sorprende edición tras edición.
Tras o conxuro, reparto da queimada entre o público asistente.
Pechará a noite a música en directo co grupo Gintonic´s e a animación da Disco Móbil Conxuro.
A alcaldesa quixo tamén lanzar unha mensaxe de convite a toda a veciñanza e visitantes: “Agardámosvos en Cervo para vivir unha xornada chea de maxia e tradición nunha Queimada que cada ano é máis especial”.