Site icon Crónica3.com A Mariña

23.266 visitantes pasaron pola oficina de turismo de Foz e pola basílica de San Martiño durante o verán, un 22 % máis que no 2024

Foz, 9 de setembro de 2025. A concelleira de Turismo e Comercio, Kathy Navarro, achega os datos de turismo do concello de Foz, recalcando un notable incremento dos visitantes polas instalacións municipais. A oficina de turismo situada no edificio Cenima e a basílica de San Martiño de Mondoñedo, de Foz, tiveron 23.266 visitantes, fronte aos 18.058 no 2024, o que supón un aumento do 22,4 por cento.

Kathy Navarro explica que “o turismo nacional liderou no mes de xuño un 97%, resaltando o de Galicia cun 46,6%; Madrid, 23%; Castela e León, 13,4%; e Asturias, 11,2%, sendo estranxeiros un 3%. En xullo o turismo nacional representou o 93,7% e 6,3% estranxeiro, sendo de Madrid un 33,6%; Castela e León, 13,3%; País Vasco, 10,5%; e Galicia, 9%. No mes de agosto reduciuse o turismo nacional a un 91%. De procedencia de Madrid, un 37,3%; País Vasco, 12,77%; Castela e León, 8,9%; e Cataluña, un 6,96%; sendo o 9% turismo estranxeiro con procedencia de Francia, Reino Unido, Alemania, Italia e Portugal principalmente”.

A concelleira de Turismo destaca que “con respecto ao 2024 na oficina de turismo bateuse un incrible récord, concretamente no mes de xuño, representando o aumento un 190%, pasando de 473 atencións no 2024 a 2.486 neste 2025. No mes de xullo o aumento foi dun 9,5% e en agosto baixou un 10,5%. O cómputo xeral coa Basílica sería do aumento dun 22,4% con respecto ao ano pasado. En canto aos hoteis viron un mantemento cun lixeiro incremento no índice de ocupación comparando co ano anterior. Nos cámpings resalta un incremento do turista estranxeiro no mes de xuño e están a centrarse en seguir captando estes visitantes de orixe italiano, alemán, sueco e austríacos principalmente, cun notable incremento na duración das estancias no turismo nacional e italiano que creen que pode ser debido ao clima”.

Kathy Navarro engade: “para nós estes índices son bos, pero tamén un reto, tanto na actualización e mantemento das infraestruturas para o soporte deste notable aumento poboacional como para o mantemento da vida cotiá á que estamos acostumados os residentes pese ao gran número de visitantes que cada ano vai en aumento no noso concello”.

Exit mobile version