Site icon Crónica3.com A Mariña

A Aula Universitaria da UNED en Foz inicia o curso académico cun programa de xornadas informativas

Foz, 17 de setembro de 2025. A Aula Universitaria da UNED en Foz inicia o curso académico 2025/2026 cunha programación de xornadas informativas abertas á comunidade, que teñen como obxectivo dar a coñecer a oferta académica e os recursos que a universidade pon á disposición do seu estudantado. O primeiro encontro celebrarase o 29 de setembro, en formato presencial na propia Aula de Foz e tamén en liña. A coordinadora da aula, Marta Muíña Rodríguez, explicará cuestións como a oferta académica, os servizos de apoio, os recursos dispoñibles, as vantaxes de estudar na UNED e o modelo de aprendizaxe semipresencial. “Queremos que todo o estudantado coñeza ben como funciona a nosa aula e como pode sacar o máximo proveito dos recursos. A información clara e directa é clave para unha mellor experiencia universitaria”, sinala Muíña.

A segunda sesión terá lugar no Centro Asociado da UNED en Lugo, tamén con posibilidade de seguimento en liña, e consistirá nunha xornada de acollida ao novo estudantado. Contará coa participación da directora do centro, Ana Belén Traseira, e da coordinadora do COIE, Carmen Gallego López, enmarcada no Plan de acollida ao alumnado de novo ingreso.

A concelleira de Educación de Foz, Elena Martínez, destacou que “estas xornadas garanten que toda a comunidade teña acceso a unha información de calidade sobre as posibilidades que ofrece a UNED, unha ferramenta esencial para o futuro”.

Ambos eventos son gratuítos, con inscrición previa na web da UNED.

As dúas responsables recordan que o prazo de matrícula para o curso 2025/2026 xa está aberto e remata o 22 de outubro, “unha oportunidade para que todas aquelas persoas interesadas en iniciar ou continuar os seus estudos universitarios poidan formalizar a súa inscrición”.

Pódese obter máis información a través da páxina web da UNED e asesorarse sobre calquera cuestión nos teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549.

Exit mobile version