O corte de ambos os carrís comezará mañá, día 3 de setembro, e terá unha duración estimada dun mes, durante o cal estará permitido o acceso a garaxes, depuradora, estaleiros e dársenas de xeito puntual
Con motivo dos traballos xa estaba pechado un dos carrís da avenida, pero agora xa non se poderá acceder á estrada debido a que o desenvolvemento da actuación en condicións de seguridade esixe empregar maquinaria que ocupa toda a vía.
Xa no proxecto inicial da obra estaban contemplados estes cortes de tráfico en varias fases. Este terá unha duración tota aproximada de un mes, ata que se chegue á fase seguinte.
Dende a dirección da obra van permitir de xeito puntual o acceso aos vehículos que precisen pasar de xeito imprescindible. Intentarase facilitar en medida do posible, sempre de xeito puntual, o acceso á depuradora, os estaleiros, as dársenas e, por suposto, aos garaxes das vivendas da zona.
“Dende o Concello de Burela rogamos a toda a xente que non teña que facer uso imprescindiblemente de ningún destes servizos que evite ir pola zona do peirao co seu vehículo”, sinala o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.