Unha peza meta-teatral sobre realidade, ficción e compromiso que se presenta o venres 19 de setembro ás 21h
Esta peza, escrita por Ernesto Is, gañador do 16º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia en 2021, propón un xogo de agochados e de fronteiras difusas entre realidade e ficción. Sobre o escenario, o reencontro dunha parella xa rota serve de punto de partida para reflexionar sobre o compromiso político e artístico, o amor e a creación como ferramentas para comprender e transformar o mundo.
Profetas é a primeira coprodución de Ítaca Teatro, neste caso co Centro Dramático Galego. O espectáculo conta ademais coa colaboración e apoio da MIT de Ribadavia, do Concello e da Deputación de Lugo e da Deputación da Coruña.
Á fronte do equipo artístico encontramos a Carlos Álvarez-Ossorio, responsable da dirección, da iluminación e do espazo escénico. O texto e a dramaturxia son de Ernesto Is; Marga Portomeñe asina o deseño e creación das máscaras; mentres que a escenografía e o vestiario levan o selo da propia compañía. O elenco está formado por Elea López e Carlos Rebolo, fundadores de Ítaca Teatro, quen guiarán ao público nun percorrido escénico que transita por Compostela, Mosul e Venecia, explorando tres planos: o íntimo, o social e o global.
A función terá lugar o venres 19 de setembro, ás 21 horas, na Casa da Cultura de Burela e a súa entrada será de balde.