O Presidente asinou coa Asociación de Pais e Nais de Nenos con Discapacidade desta comarca un convenio para garantir a continuidade do servizo ambulatorio que ofrece recursos, hábitos e habilidades ás familias
O Presidente José Tomé Roca destacou a relevancia deste servizo, “o único existente na comarca da Mariña”, e subliñou que o traballo que realiza APNED “contribúe a que as diferenzas das persoas con discapacidade se vexan como un valor engadido e non como unha barreira, fomentando a inclusión e a participación activa na sociedade”.
Esta colaboración da institución provincial permite, polo tanto, “reforzar a coordinación entre familias, profesionais educativos e sanitarios, asegurando unha atención adaptada ás necesidades de cada neno e nena, e contribuíndo á construción dunha sociedade máis inclusiva, xusta e igualitaria”, afirmou o mandatario provincial.
Un servizo integral para as familias
O servizo ambulatorio de APNED atende a 30 menores con diversas discapacidades, como Trastornos do Espectro Autista (TXD), Síndrome de Angelman, Síndrome de Prader-Willi, problemas de audición e visión, parálise cerebral infantil (PCI) ou trastornos específicos de linguaxe (TEL).
As intervencións están coordinadas cos seguintes centros educativos: CEIP O Cantel de Foz, CEIP Fondo Nois, CEIP de Galdo, CEIP Celeiro, CEIP San Cosme de Barreiros, IES de Foz, IES María Sarmiento, CEIP Cervo, CEIP Burela Virxe do Carme, CEIP Landro de Viveiro, CEIP O Vicedo e IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.
Este proxecto xorde no ano 2003 como resposta ás numerosas necesidades e á escaseza de recursos e servizos destinados ás persoas con discapacidade e ás súas familias. A comunidade científica e profesional coincide en que estes nenos e nenas precisan dunha estimulación temperá, atención continuada e seguimento especializado. Desta axuda dependerán en boa medida as súas oportunidades de desenvolverse como persoas autónomas e independentes.
“É habitual que, ante o nacemento ou diagnóstico dun neno ou nena con discapacidade, as familias se sintan desorientadas, desamparadas e sen saber que camiño seguir ou como afrontar a situación e a educación dos seus fillos e fillas”, afirmou Tomé Roca.