Site icon Crónica3.com A Mariña

A Dirección Xeral de Tráfico e a Garda civil intensifican a vixilancia da seguridade viaria en Xermade

A prioridade é reducir as condutas de risco e protexer especialmente ás persoas usuarias da vía máis vulnerables, como ciclistas e peóns

Lugo, 10 de setembro de 2025. A Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo e o Subsector de Tráfico da Garda Civil poñen en marcha un Plan de intensificación da vixilancia viaria no concello de Xermade, que suporá a ampliación da presenza policial en todas as estradas do termo municipal. O dispositivo inclúe patrullas activas a diario, controis de velocidade con vehículos uniformados e camuflados, probas de alcol e drogas e unha atención especial a condutas de risco como os adiantamentos antirregulamentarios ou o uso indebido do teléfono móbil.

Ademais, os axentes poderán propoñer revisións psicofísicas extraordinarias para aqueles condutores que non presenten as condicións necesarias para exercer a condución, e reforzarase a protección de usuarios vulnerables como ciclistas e peóns.

Esta decisión responde ao aumento da sinistralidade rexistrado en Xermade no que vai de ano. O municipio pasou de ser unha zona de baixa incidencia a concentrar case un terzo dos accidentes mortais ocorridos nas vías interurbanas da provincia de Lugo. En total, producíronse seis sinistros graves, con cinco persoas falecidas, sete feridas graves e unha leve. Entre as causas máis habituais atópanse as distraccións ao volante e a velocidade inadecuada, con accidentes como colisións frontais, saídas de vía e envorcos.

Ante esta tendencia, a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo, en colaboración co Subsector de Tráfico de Lugo, veu intensificando progresivamente a vixilancia en vías especialmente conflitivas como a LU-540 e a LU-861, onde se concentran os sinistros viarios de maior gravidade. Co novo “Plan de intensificación da vixilancia”, a presenza da Garda Civil nas devanditas vías ampliarase e estenderase a todas as estradas do termo municipal de Xermade, con patrullas activas todos os días da semana.

A Xefatura Provincial de Tráfico e a Garda Civil fan un chamamento á responsabilidade de todos os condutores para axudar a frear esta tendencia e evitar novas perdas humanas, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria en Xermade e na provincia.

Exit mobile version