O prazo ordinario de matrícula estará aberto ata o 10 de setembro e as persoas interesadas deberán presentar as solicitudes no Rexistro municipal ou a través da sede electrónica
Este proceso de matrícula vai dirixido a alumnado que cursou estudo o ano pasado; alumnado novo con prematricula e praza confirmada; e alumnado novo sen prematricula, o cal será atendido por orde de entrada e unha vez fosen adxudicadas as prazas dispoñibles.
A ESMU destaca que para realizar as solicitudes e manter a praza, será obrigatorio matricularse dentro deste prazo. Se non se formaliza entre o 1 e o 10 de setembro, pérdese o dereito á praza gardada. A formalización e envío do impreso de solicitude non garante a praza e este proceso farase segundo os criterios establecidos no regulamento da escola.
As persoas interesadas deberán presentar o Impreso de Matrícula, así como a Instancia (Solicitude xeral) cuberta xunto cos datos que se requiran en cada unha delas. Estas solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ortigueira ou a través da sede electrónica municipal.
Inicio das clases
O inicio das clases individuais será a partir de 15 de setembro; Linguaxe musical e conxuntos, a partir de 22 de setembro. Tamén, os talleres de música e movemento terán o prazo de matrícula do 15 ao 30 de setembro e o comezo o 1 de outubro. Realizaranse xornadas de portas abertas destes talleres a segunda quincena de setembro.
Ortigueira, amplamente recoñecida polo seu prestixioso Festival Internacional do Mundo Celta, continúa consolidándose como un epicentro cultural e musical. Neste contexto, a ESMU Municipal de Ortigueira xoga un papel fundamental, brindando formación tanto a novos talentos como a adultos que desexan perfeccionar a súa técnica.
A ESMU Municipal de Ortigueira reafirma a súa misión de ofrecer un ensino musical de calidade, aliñada coa rica tradición cultural da localidade e pon ao dispor toda a información relevante ás matrículas a través da súa web: https://ortigueiramusica.com/matricula-curso-2025/