Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola Municipal de Música de Burela incorpora unha nova materia de produción musical

Burela, 15 de setembro de 2025. A Escola Municipal de Música de Burela pon en marcha este curso unha nova asignatura de produción musical, pensada para todas as persoas que desexen achegarse por primeira vez ao mundo da creación sonora.

Non se requiren coñecementos previos nin equipamento profesional, aínda que se recomenda dispoñer dun ordenador para aproveitar mellor as prácticas.

A materia, de carácter eminentemente práctico, permitirá ao alumnado gravar varios temas ao longo do ciclo, explorando todo o proceso creativo; dende a composición e os arranxos ata a gravación, mestura e mástering. Tamén se traballará con estacións de traballo de audio dixital (DAWs), síntese, sampling, programas de notación musical, protocolo MIDI e procesamento de sinais. O obxectivo é que cada proxecto persoal sexa motor da aprendizaxe e permita coñecer de primeira man as técnicas e ferramentas fundamentais da produción.

O encargado de impartir a asignatura será Adrián Arias Castiñeiras, quen acompañará ao alumnado neste percorrido formativo, accesible a persoas de todas as idades e formacións.
Ademais, a Escola Municipal de Música de Burela celebra esta semana as súas xornadas de portas abertas, ata o 19 de setembro, unha boa ocasión para coñecer de preto a nova oferta educativa.

As persoas interesadas poden solicitar máis información sobre inscricións, datas e horarios no correo escolademusica@burela.org ou nos teléfonos 982 580 720 e 982 879 483.

Exit mobile version