O desafío reuniu a uns 400 corredores que tiveron que superar un percorrido de 10 quilómetros con preto de 30 obstáculos de gran esixencia. A cita desenvolveuse nun ambiente vibrante, con máis dun milleiro de asistentes gozando do espectáculo deportivo e do esforzo dos competidores.
A proba estivo organizada pola Asociación Gallaecia Extrem Race e o grupo empresarial BeOne, co respaldo de institucións e empresas que fixeron posible a súa celebración: Xunta de Galicia, Concello de Ribadeo, Matrix, Eciman, Aerobic&Fitness, I-Nerxia, 43N Arquitectura, ACISA Ribadeo, Gadis, El Progreso, Estrella Galicia e Nutrisport.
No plano competitivo, destacaron as actuacións dos gañadores: na categoría elite masculina impúxose Adrián Suárez, mentres que na elite feminina a vitoria foi para Fuencisla Vaqueiro. Na popular competitiva, os vencedores foron Carlos Suárez e Mariña Varela.
O acto de entrega de trofeos, coa participación do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, o CEO de BeOne, Roberto Ramos, e representantes dos patrocinadores, puxo o broche de ouro a un evento que combina deporte, espectáculo e promoción turística.
A Heroican Race forma parte da liga Española AOCO (Asociación de Organizadores e Clubs de Obstáculos de España) e confirma a súa condición de referente no calendario nacional, onde a superación persoal, o compañeirismo e a resistencia física convértense nos auténticos protagonistas.