Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e o Consello Municipal das Mulleres reuníronse en Ribadeo

Ribadeo, 26 de setembro de 2025. Nas últimas horas tiveron lugar en Ribadeo novas reunións da Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e do Consello Municipal das Mulleres, dous espazos fundamentais de coordinación e participación que traballan pola igualdade e contra a violencia machista neste concello.

Durante a sesión fíxose balance das actividades desenvoltas pola Área de Igualdade no último trimestre, e avanzouse tamén a programación prevista para os próximos meses. Entre elas destacan as accións dirixidas aos centros educativos, así como actividades enmarcadas no programa de autocoidado e benestar das mulleres, como as sesións de risoterapia ou a excursión ao balneario.

Na parte final da Mesa, as técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) reuníronse cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, co obxectivo de avaliar e facer seguimento dos casos de violencia de xénero activos en Ribadeo, prestando unha especial atención a aqueles nos que os agresores teñen orde de afastamento.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, subliña “a importancia de manter vivos e visibilizar estes dous espazos –a Mesa Interinstitucional e o Consello Municipal das Mulleres– como ferramentas clave para a prevención, a atención e a loita contra a violencia machista, e como lugar de encontro para reforzar o compromiso colectivo coa igualdade”.

Exit mobile version