Site icon Crónica3.com A Mariña

“A pegada de José Luis Prieto na UNED de Lugo”. Carlos García Rodríguez

Hai persoas cuxa ausencia deixa un baleiro imposible de encher, pero cuxa presenza permanece en cada proxecto, en cada idea, en cada xesto compartido. José Luis Prieto Arroyo é unha desas figuras que non se apagan co tempo, porque o seu legado se multiplica en quen traballamos ao seu lado e nas institucións que transformou coa súa visión.

En Lugo tivemos a sorte de contar con el como pai do Centro Asociado da UNED, que inauguramos en 2008 grazas ao seu empeño e á súa capacidade de convencer a todos de que era unha necesidade histórica para esta provincia. Lugo era entón a única provincia de Galicia sen centro cabeceira, e José Luis soubo ler o futuro: comprendeu que a UNED debía estar aquí, como ferramenta de igualdade e progreso. Hoxe, milleiros de estudantes beneficiáronse daquela aposta, e cada matrícula, cada titulación, é tamén unha homenaxe silenciosa á súa teimosía.

A súa lideranza no equipo de Lugo foi especial. Non era un xefe no sentido clásico, senón un guía que escoitaba, alentaba e abría camiños. Apostaba pola creatividade e pola innovación, sempre adiantado ao seu tempo. Vía máis alá dos límites e transmitíanos a certeza de que todo era posible se había compromiso e traballo colectivo. Confiaba nas persoas, e iso facíanos medrar.

Pero José Luis non era só un académico brillante nin un xestor universitario impecable. Era, sobre todo, un home de terra e raíces. Berciano de corazón e focense de adopción, levou sempre con orgullo a condición leonesa, sendo un gran embaixador da súa terra. O seu amor polo próximo, polo auténtico, mesturábase cunha vocación universal: a educación como dereito e a cultura como horizonte.

No persoal, quen o coñecemos de preto sabemos que o seu amor a Pilar e aos seus rapaces Álex e Álvaro foino todo. Imos lembralos xuntos para sempre porque a súa historia é a dun amor forte, sereno e fecundo.

José Luis foi adiantado ao seu tempo, un innovador nato, pero tamén un home fondamente humano. Déixanos unha universidade mellor, un equipo máis forte e unha lección imborrable: que liderar non é mandar, senón acompañar; que ensinar non é só transmitir coñecementos, senón sementar valores; que amar a terra e á xente é tamén unha forma de construír futuro.
En Lugo, na UNED e en todos os recunchos onde a súa voz deixou pegada, o seu recordo seguirá vivo. E quen formamos parte do seu equipo sabemos que o mellor que podemos facer para honralo é seguir traballando coa paixón, a creatividade e a entrega que el nos ensinou.

Porque José Luis Prieto non marchou de todo: segue connosco, en cada aula, en cada estudante, en cada proxecto que nace, porque todo o que facemos aquí esperta de alí, da súa privilexiada visión de futuro.

Carlos García Rodríguez – Xestor de Administración e Representante do Persoal UNED Lugo.

Exit mobile version