Esta medida facilitaría aos 63 pósitos galegos, que representan a máis de 10.100 profesionais, acceder a financiamento europeo no marco dos seus respectivos plans de produción e comercialización
A directora xeral recordou que esta medida é unha vella demanda do sector xa que isto permitiría a estas entidades, 63 a nivel galego e que representan a máis de 10.100 profesionais, acceder a maior financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa). Nesta liña, explicou que as confrarías galegas son entidades sen parangón en Europa, das que persiste un gran descoñecemento nas institución europeas que apostan polas OPP como eixo do desenvolvemento dos obxectivos da Política Pesqueira Común (PPC). Así os fondos comunitarios recollen recursos específicos para o desenvolvemento dos seus respectivos plans de produción e comercialización.
Ángeles V. Suárez recalcou que os pósitos abordan as mesmas funcións que as OPP e compren os requisitos establecidos polo regulamento 1379/2013 da Organización Común de Mercados (OMC). Por iso manifestou o apoio da demanda do sector para que sexa a propia OMC a que recoñeza directamente esta equivalencia de status. Neste ámbito, criticou o incumprimento por parte do Goberno central, acadado en marzo do 2024, de constituír un grupo de traballo para a abordar a situación das confrarías na Organización Común de Mercado e o seu recoñecemento como OPP. Tamén denunciou que o Real Decreto 664/2023 que regula as diversas modalidades de asociacionismo no sector pesqueiro e marisqueiro continúa obviando ás confrarías a pesar de ser as organizacións máis representativas do sector.
Apoio da Xunta
En contraposición, a director xeral puxo en valor o marco normativo autonómico, co Decreto 8/2014 polo que se regulan as confrarías de pescadores e as súas federacións ou a Lei 9/1993 de confrarías de pescadores de Galicia que recolle a súa actividade no ámbito da organización e comercialización de produtos pesqueiros. Un recoñecemento legal que se suma ás liñas de axuda específicas para o desenvolvemento de accións no ámbito da formación, a modernización das instalacións e equipamentos portuarios, a valorización dos produtos do mar ou na mellora das condicións de traballo dos profesionais.
Ángeles V. Suárez resaltou que estas entidades constitúen un dos piares nos que se sustenta o modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade, cumprindo unha función estratéxica para o futuro desta actividade extractiva. Por iso, avogou por reforzar a identidade e valor social das confrarías así como garantir a súa participación na toma de decisión a nivel comunitario dado o seu impacto na sustentabilidade e desenvolvemento das comunidades costeiras.