A directora de Desenvolvemento Pesqueiro visitou o pósito para avaliar as actuacións realizadas e para analizar as necesidades actuais dos profesionais de cara a realización de novas iniciativas ao abeiro dos apoios autonómicos
A directora xeral destacou a colaboración da Xunta permitiu a instalación dun novo galpón metálico na zona de varada, a adquisición dun carro automotor de varada 40 tm así como varias carretillas elevadoras. Por outra banda, foi acometida a rehabilitación e instalación de luces de tecnoloxía LED na nave de redeiras. A isto compre engadir outras actuacións como a instalación de enerxía fotovoltaica para autocosumo na confraría. Ángeles V. Suárez subliñou que todas esta medidas permitiron reforzar a actividade do sector, mellorando a seguridade e condicións de traballo, a modernización dos equipamentos portuarios, a eficiencia enerxética ou a protección do medioambiente.
A responsable autonómica puxo en valor o compromiso da Xunta co sector, enmarcando o encontro no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira galega e na ronda de contactos periódica da Consellería coas diferentes confrarías galegas. Nesta liña, resaltou o traballo impulsado polo pósito burelés en ámbitos como a formación, coa organización de 5 cursos este ano de Formación Básica e catros de Patrón Costeiro Polivalente, dous de ponte e dous de máquinas. Unhas iniciativas que foron realizadas ao abeiro das axudas do Goberno galego para formación, dotadas de xeito bianual con 1,5 millóns de euros, e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa).
Proxecto ‘Pescarte’
A confraría de Burela é unha das beneficiarias das axudas da Xunta ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) para o desenvolvemento do proxecto Pescarte. En total son 115.000 euros que serán destinados a esta iniciativa que ten como obxectivo principal divulgar e sensibilizar á comunidade sobre a importancia da pesca artesanal. As actividades a desenvolver inclúen a creación de dous murais artísticos nas fachadas a confraría con esta temática, con ilustracións con adaptacións a braille para que sexan accesibles. Tamén recolle a produción de material audiovisual sobre as distintas artes de pesca e un xogo infantil educativo para achegar o mundo da pesca ás novas xeracións e incentivar a remuda xeracional.