Neste cuarto trimestre do ano, a institución provincial ofrece un total de 13 propostas con 250 prazas para todos os públicos, quedando hoxe moitas delas xa cubertas, o que evidencia o éxito e a alta demanda destas actividades
Actividades na Reserva Terras do Miño
No caso da Reserva da Biosfera Terras do Miño, as prazas están case completamente cubertas nas sete propostas que ofrece a Deputación e que se desenvolven no Centro de Interpretación Terras do Miño. Aínda quedan vacantes no curso de poda que se desenvolverá en tres quendas: os días 17, 18, 19, 20 e 21 de novembro; do 1 ao 5 de decembro; e do 15 ao 19 de decembro. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web da institución provincial.
A programación neste espazo protexido inclúe un obradoiro de cerámica que terá lugar os días 8, 9 e 10 de outubro e os días 20 e 21 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Tamén en outubro, os días 20, 21, 22, 23 e 24 e en horario de 10:00 a 14:00 horas, impartirase o curso baixo o título O Poder das Plantas.
Ademais, no mes de novembro, do 10 ao 14, realizarase o curso Arte Floral de Advento; e no mes de decembro haberá xogos de Nadal para nenos e nenas de 3 ao 12 anos, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Actividades na Reserva Os Ancares Lucenses
As actividades na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá darán comezo o vindeiro 17 de outubro en Cervantes, cunha xornada dirixida ao alumnado do C.P.I, destinada a coñecer o legado arqueolóxico dos Ancares. A actividade desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Tamén en Cervantes, os días 18 e 19 de outubro terá lugar a xornada titulada Os Ancares, unha forma de vida: vivencias, costumes, traballos e oficios, flora, fauna e patrimonio. As sesións celebraranse no Edificio de Servizos Múltiples, o día 18 en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, mentres que o día 19 será de 9:00 a 13:00 horas.
En Navia de Suarna, o 29 de novembro, organizarase unha xornada micolóxica na Escola de Barcia, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, en decembro impartirase un obradoiro gastronómico na Casa Quiñones, os días 19 e 20, en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.
Finalmente, en Becerreá, o 18 de decembro celebrarase un obradoiro de cociña micolóxica e doutros produtos autóctonos no Centro Social, tamén en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas. O municipio de Becerreá acollerá a última actividade da programación dos Ancares durante os días de Nadal, os 22, 23 e 26 de decembro, cunha xornada dedicada ás cántigas e outras tradicións de Nadal na Montaña.
Como inscribirse
As persoas interesadas deberán anotarse a través das canles dispoñibles. No caso de Terras do Miño, poden apuntarse a través do teléfono 982.305.930, o correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org e no espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. As persoas que desexen participar no programa dos Ancares Lucenses, poden anotarse a través do correo ancareslucenses@deputacionlugo.orge dos teléfonos 982.227.812 e 982.227.813.