A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo “dende Acisa estamos satisfeitos de poder colaborar un ano mais co Concello aportando as medallas de fin de carreira da décimo primeira Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que terá lugar o vindeiro 13 de setembro. Todas as corredoras e corredores que rematen a carreira recibirán unha medalla conmemorativa xentileza da nosa asociación. Ademais, algúns negocios asociados a Acisa tamén quixeron aportar unha pequena colaboración, en forma de regalos para sortear entre os participantes”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, destacou que “a Media Maratón é moi importante para a actividade económica do noso pobo, este evento vai mover arredor de 1000 corredores e corredoras, que xunto a acompañantes e familiares suporá que se acheguen á nosa vila preto de dúas mil persoas durante a fin de semana, e por iso creemos moi importante a colaboración con este evento. Moitos dos participantes xa chegarán o venres, e outros quedarán ata o domingo, polo que poderán gozar da nosa hostalería e do noso comercio, algo que para nos ten moita importancia neste tramo final do verán. Este evento é un revulsivo para o turismo, onde estes 2.000 visitantes potenciais dunha fin de semana, pódense converter en 2.000 embaixadores de Ribadeo que conten a amigos e familiares, o destino ideal que é este concello para pasar uns días de descanso ou de vacacións”.
Desde Acisa Ribadeo “desexámoslles a todos unha boa carreira e que aproveiten para gozar da paisaxe pola que discorre esta Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que non deixa indiferente a ninguén. E agardamos que os acompañantes tamén disfruten da súa estadía nesta vila”, apuntou Carmen Cruzado.
Na presentación das medallas conmemorativas da XI Media Maratón Ribadeo-As Catedrais participaron o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico de Deportes, Iván López, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.