A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliña que “co obxectivo de mellorar os servizos que prestamos desde Acisa, pero tamén desde os negocios asociados, organizamos estes cursos de inglés, de empaquetado e de escaparatismo. Debemos estar á altura da veciñanza e tamén dos milleiros de turistas que recibimos ao longo do ano en Ribadeo. O visitante estranxeiro está cada vez máis presente e debemos entendermos con el da mellor maneira posible. Ter uns escaparates acordes co referente comercial que somos é moi importante ao igual que envolver uns agasallos de xeito orixinal e creativo”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense indica que “a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, reforza a súa aposta pola formación continua cun amplo programa destinado a mellorar a profesionalización e competitividade do comercio e da hostalaría locais”.
Cruzado Iglesias explica: “por unha banda, Acisa e a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ribadeo colaboran un ano máis na posta en marcha dun curso de inglés específico para persoal de comercio e hostalaría, que se desenvolverá de setembro a maio. As sesións terán lugar os venres de 9:30 a 10:30 horas, cun enfoque práctico adaptado ás situacións cotiás destes sectores: atención ao cliente, información de prezos e tallas, explicación de menús e alérxenos, xestión de reservas, orientación a turistas ou operacións de cobro. O curso contará con prácticas orais, apoio en aula virtual e a participación dun auxiliar de conversa nativo. A matrícula está aberta ata o 19 de setembro. O custe é de 45 € máis 35 € de apertura de expediente para persoas que nunca estiveran matriculadas na EOI. Máis información na páxina web da EOI de Ribadeo, no correo eoi.ribadeo@edu.xunta.gal ou no seguinte número de teléfono 982 129 657”.
Pérez Prada relata que “baixo o lema Fórmate con Acisa, organizamos novos cursos gratuítos de empaquetado e escaparatismo, dirixidos a persoas empresarias e traballadoras dos negocios asociados. Terán lugar na Casa da Cultura de Ribadeo (rúa Viejo Pancho), en horario de 18:00 a 20:30 horas. O curso de empaquetado celebrarase os luns 22 de setembro e 6 de outubro. O curso de escaparatismo desenvolverase en tres sesións: os luns 15 e 29 de setembro e 13 de outubro. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse ata o 12 de setembro, prazo ampliado, enviando un correo a info@acisaribadeo.es, indicando nome do establecemento asociado, datos persoais (nome e DNI) das persoas asistentes, correo electrónico e teléfono de contacto”.
O xerente de Acisa engade: “cursos prácticos como estes contribúen a ofrecer mellores servizos á clientela local e aos milleiros de visitantes que recibe Ribadeo cada ano, por iso queremos animar a empresarios e traballadores a apuntarse en ambas formacións”.
A presidenta asociación ribadense, Carmen Cruzado, considera que “pequenos detalles como un escaparate atractivo ou un bo empaquetado marcan a diferenza, do mesmo xeito que unha atención en inglés facilita a comunicación cos turistas. Con esta programación buscamos dar resposta ás necesidades reais dos nosos asociados e asociadas”.