Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA, PDRA e CIG levan ao xulgado o procedemento de concesión de augas para Altri

Ría de Arousa, 29 de setembro de 2025. ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e a PDRA (Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) anuncian o inicio de accións legais conxuntas, por medio dun contencioso-administrativo contra a denegación do recurso de Alzada que pedía o arquivo do expediente de solicitude de concesión de augas de Altri, por ter transcorrido o prazo máximo legal sen que a Xunta o resolvera. Pola súa banda, a CIG (Confederación Intersindical Galega) presenta tamén un recurso xudicial propio polo mesmo motivo. Deste xeito, as tres organizacións facémonos eco dos milleiros de alegacións achegadas pola ciudadanía contra a concesión de augas solicitada por Altri.

Na tramitación da concesión de augas de Altri (46.000 m3/día), o Regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver, tras os cales a solicitude se entenderá desestimada. O procedemento comezou co inicio do trámite de competencia nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, data na que o BOP da Coruña (nº 227) publicou o Anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galiza Centro, da apertura do trámite de competencia de proxectos da solicitude con clave DH.A36.88645. Xa que logo, o prazo para resolver tería rematado o día 30 de maio de 2024, 18 meses despois da data da primeira publicación en boletín oficial.

Consecuentemente, ADEGA, a PDRA e a CIG, xunto cunha manchea de colectivos e particulares, solicitamos en febreiro pasado á Directora de Augas de Galiza que declarara de caducidade do procedemento, sen termos recibido resposta expresa pasados 3 meses, polo que a petición ficou desestimada. Xa que logo, recorrimos en Alzada a desestimación e desta volta, o 1 de agosto pasado, houbo resposta: a Presidenta de Augas de Galiza desestimou os nosos recursos, porque o transcurso do prazo para resolver unha concesión implica poder considerala desestimada, mais non determina o arquivo do expediente. Isto significa que Augas aínda podería resolver fóra do prazo máximo, e mesmo autorizar o caudal solicitado por Altri.

Na súa resposta, o Servizo de Tramitación de Autorizacións e Concesións de Augas de Galiza xustificaba a súa demora en resolver na “complexidade do procedemento concesional de clave DH.A36.88645, que inflúe nos tempos de tramitación deste procedemento, excedéndoos pero sen que, en ningún caso, dito exceso poida traducirse en prexuízos para terceiros interesados”. Porén, as entidades recorrentes consideramos que dita demora causa inseguridade xurídica, e un prexuízo ao interese público invocado polos alegantes: ADEGA, coa súa participación no trámite de competencia, defendía que o caudal solicitado por Altri fose adicado a usos ambientais e de abastecemento, obxectivo contrario ao pretendido pola pasteira.

Exit mobile version