Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada a ordenanza que regula o servizo de limpeza de terreos e fincas abandonadas en Trabada

Trabada, 26 de setembro de 2025. O Concello de Trabada deu hoxe un novo paso adiante en materia de prevención e xestión forestal coa aprobación, no pleno ordinario, da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de limpeza de terreos, soares e franxas de xestión de biomasa.

Esta ordenanza, que entrará en vigor a mediados de novembro, pon á disposición da veciñanza unha ferramenta municipal que permitirá solicitar ao Concello a xestión da limpeza e desbroce de fincas abandonadas ou franxas secundarias de seguridade arredor de vivendas e edificacións.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “o noso obxectivo é axudar aos veciños na xestión das súas fincas e parcelas, ofrecendo unha alternativa eficaz cando non teñen outras opcións. Esta é unha iniciativa novidosa no noso concello, coa que buscamos facilitar o cumprimento das obrigas legais e, ao mesmo tempo, mellorar a seguridade e a convivencia en todo o territorio municipal”.

Con esta medida, o Concello de Trabada reforza a súa aposta pola prevención de riscos, a mellora ambiental e a posta a disposición da cidadanía de novos servizos que contribúan a unha xestión responsable do territorio.

Exit mobile version