A concelleira de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Marta Saiz, subliña que “o Mercado do Nadal quere ser un espazo de oportunidades para os profesionais relacionados coa artesanía e co deseño e unha plataforma na que se visualice o seu traballo e o talento creativo e innovador”.
A edil ribadense explica que “nesta tradicional cita, que chega á súa vinte edición, poderán participar artesás con capacidade para exhibir e vender pezas que sexan producidas de forma artesanal, sempre e cando sexan de autoría propia; tamén produtos de gastronomía artesanal; e creadores, artistas e deseñadores como artistas plásticos, gráficos, dixitais, así como creadores de xoguetes ou moda que teñan capacidade para exhibir e vender pezas de autoría propia suficientes e que a súa distribución sexa a pequena escala”.
O XX Mercado do Nadal terá lugar do 28 de novembro ao 8 de decembro na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo en horario de 11 14:30 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes. O Concello establecerá un prezo de 150 euros pola participación de cada solicitante e caseta.
Marta Saiz anima “a todos os artesás de Ribadeo e da contorna a participar no Mercado do Nadal de Ribadeo, que encherá de maxia e de creatividade a nosa vila do 28 de novembro ao 8 de decembro”.