Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá unha ruta guiada sobre os ODS con realidade virtual

O Concello, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, vincula espazos da vila cos ODS mediante códigos QR e realidade virtual

Burela, 29 de setembro de 2025. O próximo xoves 9 de outubro ás 17:00 horas, Burela acollerá a actividade “Ruta Guiada: Tódolos ODS son locais”, dirixida a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. A proposta celébrase en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no marco do programa People & Planet, do que o Concello de Burela forma parte.Froito deste proxecto, estableceuse unha ruta pola vila que vincula diferentes espazos cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Así, o CIM (Centro de Información á Muller) está relacionado co ODS 5 Igualdade de Xénero, a estación de autobuses e tren co ODS 11 Cidades e comunidades sostibles, a fonte de Neptuno co ODS 6 Auga limpa e saneamento, os hortos urbanos co ODS 2 Fame cero, a praia da Marosa co ODS 14 Vida mariña e o monte Castelo co ODS 13 Acción polo clima.

En cada localización instalouse un panel cun código QR que permite acceder a información sobre o obxectivo correspondente. Ademais, o Fondo Galego pon a disposición gafas de realidade virtual que posibilitan descubrir os contidos da ruta de forma inmersiva. Durante a actividade percorreranse os puntos máis próximos e, para rematar, visualizarase na Casa da Xuventude a información dos espazos da Marosa e do monte Castelo mediante realidade virtual.

Mario Pillado, Primeiro Tenente de Alcaldesa, salientou que “esta actividade é unha oportunidade para que a nosa mocidade se decate de que os ODS non son algo alleo, senón que teñen aplicación directa na nosa vila e na nosa vida cotiá. Queremos que vexan que tamén desde Burela podemos contribuír a un mundo máis xusto e sostible”.

A ruta atópase na páxina ods.fondogalego.gal e as inscricións e máis información poden solicitarse no correo casaxuventude@burela.org ou no teléfono 982 58 11 41.

Exit mobile version