O Concello pon en marcha os traballos para crear 40 prazas de estacionamento gratuíto
Esta actuación está directamente vinculada á humanización da rúa Curros Enríquez, que supón unha reorganización do estacionamento existente na zona. Así, as arredor de 30 prazas públicas de Curros serán reubicadas neste novo solar, garantindo que non se reduza o número total de prazas, senón que se mellore a súa distribución para favorecer a orde e a mobilidade.
Ademais, coa apertura deste aparcamento modificarase o sentido da rúa Leandro Cucurny no tramo comprendido entre Curros Enríquez e Lamestra, finalizando así os cambios de circulación previstos para esta zona centro dentro do Plan de Mobilidade Urbana Sostible.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “seguimos a traballar para mellorar os aparcadoiros xa existentes e impulsar a creación de novos espazos de estacionamento. O noso obxectivo é dar resposta ás necesidades veciñais e avanzar cara a unha Burela máis ordenada, cómoda e accesible para todos”.
Este proxecto enmárcase no Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Burela, unha folla de ruta coa que o Concello busca reorganizar o tráfico, mellorar a seguridade viaria e facilitar o acceso ao centro da vila, promovendo ao mesmo tempo unha mobilidade máis sostible e eficiente.