Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela súmase á chamada da Fegamp e convoca un acto institucional en apoio ao pobo palestino este venres

O Concello realizará este venres ás 12:00h, diante da Casa Consistorial, a lectura dun manifesto que condena o xenocidio e reclama o fin da violencia

Burela, 18 de setembro de 2025. O Concello de Burela chama á veciñanza a concentrarse este venres, 19 de setembro, ás 12:00 horas, diante da Casa Consistorial para a lectura dun manifesto institucional en solidariedade co pobo palestino.

A iniciativa enmárcase na proposta da Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que promove actos similares en concellos e deputacións de toda Galicia.

A alcaldesa, Carmela López, destacou que o obxectivo deste acto é “sumarnos ás voces que en todo o mundo reclaman paz, xustiza e respecto ao dereito internacional”. Así, segundo a rexedora, a lectura do manifesto supón “unha maneira de denunciar con firmeza este xenocidio e reclamar un futuro de liberdade e dignidade para o pobo palestino”, explicou López.

O texto que se dará lectura insta á comunidade internacional a poñer fin á violencia e a garantir o cumprimento dos dereitos humanos, sumando así o apoio institucional de Burela ás mobilizacións que se están desenvolvendo a nivel global en defensa da poboación palestina.

“Burela non pode permanecer alleo a esta realidade; temos a responsabilidade ética de denunciar a violencia e esixir un futuro de liberdade e de convivencia en paz”, concluíu a alcaldesa.

Exit mobile version