Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Tod@s somos Cristina Fallarás”. Xoán Antón Pérez Lema

A xornalista e escritora Cristina Fallarás deulle voz pública a milleiros de testemuños anónimos de violencia e acoso sexual, principalmente a través da súa conta de Instagram e a iniciativa #Cuéntalo. Este movemento xurdiu a raíz da sentenza da “Manada” de San Fermín en 2018. Fallarás facilitou unha plataforma para que as mulleres puidesen compartir os seus relatos de violencia sexual de forma anónima, sen necesidade de presentar unha denuncia formal. A idea era visibilizar a dimensión e a natureza da violencia sexual máis alá do que tradicionalmente se entende por violación (como a agresión sexual no ámbito familiar, laboral, ou en círculos de confianza). Recompilou máis de 5.000 testemuños. Parte deles publicounos no seu libro “No publiques mi nombre. Testimonios contra la violencia sexual”.

Moitas vítimas, no exercicio do seu lexitimo dereito, optan por non denunciar polas canles xurídicas debido á vergoña, o medo a non ser cridas, ou o temor ao agresor e ao proceso xudicial. Mais aínda, dende o punto de vista da resposta penal non poucos dos casos denunciados están xa prescritos en termos xurídicos. Fallarás defende o dereito das mulleres a narrar a súa verdade sen ter que “por o corpo” ou o nome ante a xustiza. Garante o anonimato das vítimas, mais tampouco racha o anonimato dos denunciados. Se alguén considera que o relato permite identificalo ten na súa man accións penais ou civís en defensa do seu dereito á honra, mesmo coa posibilidade de pedir medidas cautelares que impidan provisionalmente a difusión do relato no que lle atinxe. Non se coñece caso ningún, fóra o do rapeiro andaluz Ayax, que se limitou á acción civil correspondente, sen.

A visibilidade do seu traballo (máis de cinco mil testemuños de violencia sexual e máis de tres millóns de interaccións en 16 Estados nas primeiras dúas semanas) converteuna nun obxectivo de ataques por parte da ultradereita, principalmente do partido Vox. Fallarás denunciou que está a ser obxecto dunha intensa campaña de acoso, sinalamento e odio orquestrada por Vox, que a utiliza para gañar apoio e afiliar xente á súa causa (usando a súa imaxe como un “marcador” contra o que cargar). Das resultas deste acoso Cristina ten recibido ameazas de morte (a ela e aos seus fillos) e agresións verbais nas redes sociais, pero tamén sufrido violencia directa na rúa (golpes, cuspiñadas, acoso por parte de individuos que a esperan na porta da súa casa), o que a fai sentirse en perigo. Fronte este acoso da extrema dereita os mecanismos do Estado de Dereito non están a funcionar. o que agrava substancialmente a súa sensación de vulnerabilidade.

O que non pode ser nin nomeado nin relatado polas vitimas é moi difícil que poida existir na axenda pública. Cristina Fallarás é unha figura central na visibilización da violencia sexual a través da voz anónima das vítimas. Porén, este traballo levouna a ser o branco dunha perigosísima campaña de acoso político e social, liderada por Vox e apoiada por outros sectores extremistas, supremacistas e antidemócratas que mesmo amplifican a súa mensaxe nas beiras da violencia política .

Fronte ao odio do extremismo supremacista tod@s somos Cristina Fallarás.

Francisco Miguel e Xosé Humberto Baena: o franquismo naceu e morreu matando.

O 29-S de 1936 a Xunta militar de feito promoveu á caudillaxe ao xeneral Franco. Nese mesmo día foi asasinado en Bertoa-Carballo o grande pintor galego Francisco Miguel. Até de agora a súa familia non recibira os seus restos mortais, que ficaran no lugar do crime. Este luns 29-S será soterrado no cemiterio da Coruña logo de ser homenaxeado pola cidadanía coruñesa no Pazo do Concello.

O 27-S de 1975 o mozo vigués Xosé Humberto Baena foi asasinado por orde do ditador Franco, a medio da confirmación dunha inxusta sentenza dun tribunal militar ilexítimo. Canda él, foron asasinados polo aparello represivo franquista naquela alba José Luis Sánchez Bravo, Ramón García Sanz, Juan Paredes Manot (Txiki) e máis Angel Otaegi.

Aquel réxime franquista, inconstitucional de orixe e ilexítimo no seu desenvolvemento, naceu e morreu matando, Cómpre non esquecelo e transmitírllelo, día si e día tamén, á xente nova.

Exit mobile version