Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense’ foi a recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible nos VI Premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo

A Xunta de Goberno provincial, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, debe aprobar agora a decisión tomada polo Consello, para publicarse posteriormente no Boletín Oficial da Provincia

Lugo, 12 de setembro de 2025. A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres no Pazo de San Marcos a sesión deste órgano participativo e consultivo na que se fallaron os sextos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu ao programa de actividades Descubrir Quiroga, a festa da Queima das fachas de Taboada e tamén á Foliada da Fonsagrada; na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañaron a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Pola súa banda, Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense foi a recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible e o Hotel Mogay recibiu o accésit nesa categoría.

“Estes premios son un pulo en termos de proxección, o que supón atraer máis visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego. Este ano consolidamos un recoñecemento co que tamén incentivamos a modernización do sector, para que se xeren propostas innovadoras, suxerintes e adaptadas aos novos tempos”, valorou García Porto.

O xurado estivo formado polas 17 persoas que forman parte do Consello de Turismo, representantes deste sector e deputados e deputadas dos tres grupos políticos da Corporación provincial. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, deberá agora aprobar a decisión adoptada polo Consello Provincial de Turismo, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense, …E para comer, Lugo á gastronomía lucense e de Turismo Sostible teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dunha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo.

Os Premiados

O programa Descubrir Quiroga é unha proposta que puxo en marcha Concello de Quiroga coa intención de dinamizar o turismo rural e de natureza, apoiar a economía local, promover a cultura deste concello da Ribeira Sacra e dar a coñecer o patrimonio do municipio. Roteiros, barranquismo, piragüismo, visitas a museos, parapente ou percorrido polo Camiño de Inverno foron algunhas das actividades do proxecto.

A Queima das fachas de Taboada é unha festa tradicional con lume que organiza a Asociación Cultural As Fachas en Castelo durante a noite do 7 de setembro. Son paos de bidueiro ou pino de entre seis e sete metros de altura, cubertos de agucios que se amarran con vimbias, aos que se lles prende lume chegada a media noite. Unha experiencia turística con valor cultural e diferencial.

A Foliada da Fonsagrada é unha festa que organiza a Asociación Cultural Petapouco e a Destempo fonsagradina e constitúe unha iniciativa singular que tense convertido nun motor de dinamización cultural e turística no corazón da Montaña lucense. É unha cita que promove a posta en valor do patrimonio inmaterial a través da música, o baile tradicional, a artesanía e a gastronomía local. A programación inclúe obradoiros, actuacións musicais, feira de produtos locais e actividades abertas á veciñanza.

No ano 1987 tres concellos da Montaña, As Nogais, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro, decidiron celebrar a primeira Festa do Queixo do Cebreiro coa que se pretendía potenciar os produtos artesáns e concienciar á sociedade dos problemas da gandeiros. Na actualidade, os postos de venda de queixos conviven con música e pasarrúas nunha xornada festiva que enxalza as tradicións e a cultura da contorna.

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a Feira de degustación da Tenreira que organiza o Concello de Láncara é unha feira gastronómica que se ten convertido nun punto de encontro do sector cárnico, consumidores, gandeiros e elaboradores. Unha plataforma que serve para visibilizar a gastronomía local tradicional, a alimentación saudable e a agricultura ecolóxica.

Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense é unha proposta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense na que leva traballando desde a súa creación no ano 2011. Un modelo de turismo slow que comprende diferentes produtos turísticos como audioguías ficcionadas, actividades organizadas fóra de temporada alta, talleres para poñer en valor a actividade artesanal do destino turístico, conversas a redor da gastronomía ou a campaña A Mariña latexa contigo posta en marcha este ano.

O Hotel Mogay é unha empresa familiar situada en Chantada que leva décadas apostando por unha transformación sostible. Un espazo moderno, eficiente e comprometido coa contorna que non renuncia a identidade local. A súa aposta pola eficiencia enerxética, a formación continua, a integración na comunidade e a valorización do patrimonio cultural converten a este establecemento nun modelo replicable e inspirador para outros negocios turísticos do rural galego.

Exit mobile version