Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrada unha comisión de seguimento do PXOM de Viveiro

O documento foi remitido xa ao órgano ambiental competente

Viveiro, 19 de setembro de 2025. O Concello de Viveiro informa de que onte foi celebrada a Comisión de Seguimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento clave para o desenvolvemento económico do municipio e que figura nos programas electorais de todas as formacións políticas.

A alcaldesa Mariña Gueimunde explicou que «se teñen incorporado xa todas as modificacións e correccións propostas dende as diferentes administracións, tal e como recomendaban os diferentes informes sectoriais; e foron remitidas á Xunta de Galicia». Indicou tamén que, durante os últimos meses, se realizou «un traballo de fondo, de intercomunicación entre ambas administracións, para rectificar e puntualizar algunhas cuestións que non estaban ben».

Segundo detallou Mariña Gueimunde, o documento atópase agora no departamento de Medio Ambiente da Xunta, que debe elaborar a memoria ambiental. «Unha vez que se nos remita esa memoria, saberemos se o traballo destes meses serviu ou non, pero nós cremos que imos polo bo camiño. Esta é a fórmula de empurrar o PXOM e agardamos que, cando se nos remita esa memoria ambiental, sexa con todas as garantías para seguir avanzando cara á súa aprobación inicial», concluíu a rexedora.

Cronoloxía dos pasos dados polo equipo de Goberno de Viveiro

Xuño 2025

O 18 de xuño, o equipo redactor remite documentación actualizada do PXOM ao órgano ambiental, incluíndo unha proposta de memoria ambiental.

O 26 de xuño, envíase formalmente a proposta de memoria ambiental á Xunta.
Xullo 2025

O 14 de xullo, tras o requirimento do órgano ambiental, preséntase documentación corrixida.

O 18 de xullo, o Concello recibe a documentación corrixida.
Tramitación paralela (xullo–agosto 2025)

9 de xullo: traslado de anuncios de prensa e DOG para a aprobación inicial.

14 de xullo: solicitude de informes sectoriais, remitidos o 21 de xullo.

1 de agosto: nova solicitude de informes sectoriais, remitida o 12 de agosto.

Seguinte fase

Recibida a memoria ambiental polo Servizo de Avaliación Ambiental Estratéxica, a tramitación do PXOM seguirá adiante coa incorporación das modificacións.

A aprobación definitiva dependerá de se os cambios se consideran ou non unha modificación substancial da ordenación territorial.

Exit mobile version