Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo pon en marcha unha nova edición do programa “Brincos de lecer coa ra Ramira” cunha actividade novidosa para practicar inglés xogando

Cervo, 10 de setembro, 2025.O Concello de Cervo vén de presentar unha nova edición do programa de ocio e tempo libre “Brincos de Lecer coa Ra Ramira”, dirixido ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do municipio.

A iniciativa, que se desenvolverá ao longo do curso 2025-2026 na Casa da Cultura de San Ciprián, inclúe unha ampla oferta de obradoiros lúdicos e educativos, pensados para estimular a creatividade, a aprendizaxe e a convivencia dos máis novos.

A gran novidade deste curso será o obradoiro “Playing in English”, unha actividade destinada a mellorar o idioma inglés a través do xogo, en colaboración coa English School de San Ciprián. Está dirixido a alumnado de Infantil, Primaria e 1º e 2º de ESO, con grupos e horarios adaptados a cada nivel:

Luns · 17:30-18:30 → Infantil
Martes · 17:30-18:30 → 1º e 2º de Primaria
Martes · 18:30-19:30 → 3º e 4º de Primaria
Mércores · 18:30-19:30 → 5º e 6º de Primaria
Xoves · 18:30-19:30 → 1º e 2º da ESO

Ademais, manteranse as actividades que xa tiveron moi boa acollida na pasada edición:

– Brincos: actividades de entretemento para alumnado de 4º, 5º e 6º de Infantil.
– Croacbooking: obradoiro de manualidades para alumnado de Primaria.
– Ramira de Castro: actividades de escritura creativa para alumnado de Primaria.
– Problemas na Charca: xogos e actividades matemáticas para alumnado de Primaria.
– Club de Ramira: lectura divertida para alumnado de 1º e 2º de ESO.
– Aprender a Aprender: estratexias de memoria e atención para o estudo, dirixido a alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO.
– Findes Anfibios: obradoiros temáticos que se celebrarán dúas fins de semana ao mes, para alumnado de Primaria.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, explicou que “repetimos a iniciativa que tivo moi boa acollida o curso pasado cando arrincou, xa que buscamos ofrecer ás familias unha nova ferramenta de conciliación tamén durante o curso, nun espazo seguro, educativo e divertido no que poidan aprender, facer amizades e desenvolver a súa creatividade as crianzas. Este ano reforzamos o programa cunha novidade moi especial, o obradoiro de inglés, que supón unha oportunidade para que practiquen o idioma dunha maneira divertida e dinámica”.

As actividades desenvolveranse de luns a venres en horario de tarde, con grupos diferenciados segundo a idade e nivel educativo. Ademais, os “Findes Anfibios” celebraranse dúas fins de semana ao mes.

As familias interesadas poden anotarse na Casa da Cultura de San Ciprián.

Exit mobile version