A alcaldesa quixo agradecer o gran traballo das monitoras e voluntarias “pola súa implicación e entrega durante todo o verán, un labor fundamental que é chave no éxito do programa”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañou aos rapaces nesta xornada especial na que tamén desfrutaron de divertidos inchables na Praza dos Campos.
O programa Cervo Concilia, convertido xa nun clásico do verán cervense, estivo dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos, que puideron gozar de actividades tan variadas como teatro, ioga, kaiak ou sendeirismo. Tal e como apuntou a rexedora, “Cervo Concilia pretende ser moito máis que unha simple alternativa ás vacacións escolares: constrúese sobre unha programación diversa, chea de propostas que fomentan o desenvolvemento persoal das crianzas”, desde o deporte, talleres creativos e actividades ao aire libre, ata iniciativas educativas que reforzan valores como o traballo en equipo, o respecto pola contorna ou a solidariedade.
A alcaldesa destacou que o obxectivo do programa “non é só ofrecer ás crianzas un espazo seguro de aprendizaxe e diversión, senón tamén, e sobre todo, contribuír de xeito significativo á conciliación da vida familiar e laboral”. Engadiu que “somos conscientes de que a conciliación é un dos grandes desafíos actuais para as familias, especialmente nos meses de verán, cando as obrigas laborais non se deteñen; por iso tratamos de ofrecer solucións como o Cervo Concilia, que garantan ás familias a tranquilidade de saber que os seus fillos están nunha contorna segura e enriquecedora”.
A rexedora tamén puxo en valor o traballo do equipo humano formado por 13 monitores e 10 voluntarios: “a súa dedicación é esencial para que o programa funcione, permitindo que as crianzas se divirtan ao tempo que aprenden, socializan, fan amizades novas e viven experiencias que, sen dúbida, lembrarán durante anos”.
Finalmente, quixo agradecer tamén ás familias a confianza depositada: “desde o Concello seguiremos a impulsar este tipo de iniciativas, que resultan imprescindibles para equilibrar a vida laboral e persoal”.