No acto estiveron presentes a alcaldesa, Dolores García Caramés, a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, a directora territorial de Emprego da Xunta en Lugo, Carmen José López, os tenentes de alcalde de Xove e Burela, Dolores Meitín e Mario Pillado, ademais do director do obradoiro, equipo administrativo, monitores e o alumnado do obradoiro.
No acto a alcaldesa destacou que “é un auténtico pracer para o noso municipio poder volver a organizar este obradoiro compartido con Burela e Xove, que durante nove meses serviu para mellorar a formación en xardinería do alumnado e, ao mesmo tempo, para realizar actuacións de interese xeral nos tres concellos”.
Subliñou que se trata ademais dunha profesión, a de xardinería, cun alto índice de inserción laboral, un sector con ampla saída profesional, e animou ao alumnado a aproveitar a formación recibida e a seguir adiante cos seus proxectos laborais.
En Cervo, os traballos desenvolvidos durante o obradoiro centráronse no mantemento e mellora de zonas verdes, poda, plantación de tempada en Cervo e San Cibrao, ou no acondicionamento da senda botánica de Sargadelos, da contorna do Museo do Mar ou do parque Reina Sofía, entre outras moitas actuacións que deixan unha pegada moi visible no municipio.
“Estes obradoiros son unha oportunidade única de colaboración institucional, que permiten mellorar a empregabilidade e, ao mesmo tempo, realizar obras que repercuten directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas”, apuntou a alcaldesa que transmitiu o seu agradecemento ao director, ao equipo administrativo e de monitores e en especial ao alumnado: “Noraboa polo traballo destes meses; sei ben o esforzo que fixestes e o resultado vese claramente nos espazos públicos que agora presentan unha imaxe renovada”, afondou.
Finalmente, subliñou que o Concello de Cervo seguirá apostando por este tipo de iniciativas formativas en colaboración coa Xunta de Galicia, dado o seu impacto positivo tanto no ámbito laboral como social.