Na primeira cata da prospección atopáronse cinco tumbas altomedievais. Acháronse tamén aquí restos máis antigos, que pertencerían ao poboado do castro: dúas fusaiolas, co cal se intuía certa fabricación téxtil, e o que foi a «xoia» da prospección: unha conta de colar de pasta vitria oculada, de época prerromana e que podería proceder do comercio marítimo co Mediterráneo. Mentres, na segunda cata apareceron nun estado de conservación excelente dúas vivendas do castro, ademais dun muíño de man e restos de cerámica dunha extraordinaria calidade.
Aquel descubrimento foi seguido con gran expectación por toda a veciñanza do municipio de Xove e doutros visitantes que chegaban cada día a ver o avance dos descubrimentos arqueolóxicos. Isto constituía unha proba máis do interese que a poboación demostra pola súa historia e que parte da esperanza de coñecer máis acerca da vida daqueles devanceiros tan afastados no tempo, pero próximos na paisaxe e no espazo que habitamos.
O castro costeiro de San Tirso será o primeiro escavado no municipio de Xove, e o segundo, despois do de Fazouro, de toda a provincia de Lugo. Con esta intervención, o Concello de Xove, que conta cun alto número de castros costeiros catalogados, pretende a creación dun recurso cultural e turístico de gran valor, ademais de acadar datos científicos que permitan completar e confirmar o descuberto no ano 2020; como pode ser a existencia dun posible comercio marítimo con pobos afastados, a fabricación propia de armas de ferro e de cerámica, formas de alimentación, obtención e conservación dos alimentos, as formas de explotación dos recursos mariños próximos, e tamén sobre a fabricación de tecidos. Ademais de todo aquilo co que o castro de San Tirso de Portocelo decida sorprendernos nesta campaña 2025.
O Concello de Xove organizará, coma en tódalas intervencións arqueolóxicas que promove, unha sólida campaña de difusión e de achegamento do traballo arqueolóxico ao público a través de visitas concertadas e guiadas. Como nas ocasións anteriores, o arqueólogo director, D. David Abella, esperará cada día de traballo na entrada da escavación ás 11:00 h, para acompañar na visita a tódalas persoas que o desexen.