O delegado territorial, Javier Arias, destaca o impulso que se lles deu no verán ás obras que acomete a Xunta en colexios e institutos
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, apuntou ademais que 128 docentes incorpóranse ás aulas na provincia tras aprobar as oposicións celebradas o pasado verán. De todos eles, 22 fano en centros da capital lucense. Tamén destacan as cifras de novo profesorado con destino en Monforte de Lemos (19), Viveiro (10), Vilalba (8) ou Burela (6).
Arias visitou o CEIP Rosalía de Castro de Lugo para comprobar como se desenvolvía o primeiro día de clase, no que o alumnado de Primaria tivo que acceder ao colexio de forma escalonada pola porta da rúa Marina Española, xa que aínda non estaba completada a actuación de acondicionamento que executa o Concello na rúa Cambria.
Pola súa banda, a Xunta actuou “coa máxima celeridade para avanzar nas obras dos centros educativos durante o verán, co fin de interferir o menos posible na actividade lectiva”, afirmou Arias.
Así, dixo, cambiouse “en tempo récord” a cuberta do CEIP As Mercedes, que tivo un investimento de 500.000 euros; e “déuselle un importante impulso á rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, que está na última fase e rematará en breve”. A reforma do instituto ronda os 3,3 millóns de euros.
O delegado incidiu na “profunda renovación” que está a acometer a Xunta nos colexios e institutos da provincia de Lugo, con máis de 500 intervencións promovidas dende o ano 2021 que suman máis de 40 millóns de euros de investimento.
Referiuse a algunhas das actuacións relevantes que están en marcha ou veñen de rematar, como a construción do novo salón de actos do IES Lama das Quendas de Chantada, cuns 675.000 euros de investimento; o cambio de cuberta CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, cun orzamento superior aos 453.000 euros; ou a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, á que se destinan preto de 900.000 euros.