Site icon Crónica3.com A Mariña

Cun roteiro remataron este domingo en Ribadeo as XX Xornadas Mar por Medio

Ribadeo, 21 de setembro de 2025. Cun roteiro pola Orde Franciscana remataron este domingo en Ribadeo as XX Xornadas Mar por Medio, que se viñeron celebrando desde o pasado venres, organizadas pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Ribadeo.

O balance que realiza a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, é moi positivo “debido á importancia de todos os temas abordados arredor do Camiño de Santiago. Todo o que nos une a Galicia e a Asturias a través do Camiño Norte, declarado patrimonio da humanidade pola Unesco hai dez anos, e as conexións entre esta ruta e o Camiño Primitivo, que tamén discorre polo Principado”.

A edil ribadense tamén aludiu “á historia das Xornadas Mar por Medio, que tiveron o mar como unión coas Illas Británicas” e destacou a participación do profesor John Rutherford, que non quixo faltar a esta cita tan especial e estivo presente a través dun vídeo. Begoña Sanjurjo dixo que “como hai moitos Camiños a Santiago estendidos polo mundo enteiro, non se pode descartar que esas Xornadas poidan contar en edicións posteriores con poñentes chegados Mar por Medio desde Corea ou desde países de Hispanoamérica”.

Os Xubileos de Santiago, Roma e Xerusalén, foi a mesa redonda na que se falou da figura dos peregrinos, dos romeiros e dos palmeiros, entre outros aspectos; e na conferencia sobre o Camiño de Santiago como modelo de turismo rexenerativo fíxose un chamamento á responsabilidade do camiñante co patrimonio e coa natureza.

Na clausura o presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agís, destacou a importancia de vir falar doutros sitios a Ribadeo, pero tamén coñecer a historia e o patrimonio local. Fixo referencia á frase dun autor arxentino que di que “o universal é o local sen paredes”.

A música estivo presente nas Xornadas Mar por Medio a través de Manoele de Felisa e da Coral Polifónica de Ribadeo “que ofreceu un repertorio moi ben acaído para esta conmemoración”.

Exit mobile version