Site icon Crónica3.com A Mariña

“Del Rey abajo, ninguno”. Antonio Gregorio Montes

Cada vez é máis patente que boa parte do tempo os pobos e os políticos que os gobernan van por camiños diferentes. Non é un fenómeno novo, senón un que ó longo do tempo foi posible observar mellor e por iso ver as diferencias, aínda que nos últimos tempos o enturbiado das redes sociais estea a facer retroceder a visión a nivel de tempos xa pasados.

Parece que tempo pasou de cando os reis dicían ‘o estado son eu’, ó tempo que as raíñas aconsellaban ó pobo que, sen non tiñan pan, comeran doces. Hoxe a monarquía é unha institución que se conserva por inercia histórica e conveniencias diversas de poderes non menos diversos. Dificilmente pode argumentarse que se mantén pola súa utilidade, a utilidade da monarquía, ou pola utilidade e valía de quen está no posto, polos polos propios reis (hoxe e en xeral, sexan monarcas actuais ou pasados). Sinxelamente, é algo como un comodín intercambiable que xogadores nas altas esferas sociopolíticas poden usar no seu xogo de poder (usar e tamén gastar, como amosa o emérito).

Seguindo co título da obra de Francisco de Rojas, ‘Del Rey abajo, ninguno’, os poderes que van en cascada dende o mandamáis/Rei ate o pobo que podemos ser ti ou eu, tamén se ven cuestionados. Non porque pasara o seu tempo como pode ser no caso dos reis (dende o seu establecemento, coa tendencia a caducar de todo o temporal), ou pola falta de representatividade que podan ter no caso doutros poderes (por defecto democrático na súa constitución ou o feito da súa non elección). Non, senón sinxelamente por apartarse as súas decisións do ben da xente, no presente e cara ó futuro. É dicir, por tomar decisións favorables a unha minoría con poder en prexuízo do pobo, a maioría da que emana o poder.

O caso é que xa na obra de teatro de Francisco de Rojas, coa mentalidade da época, está establecida unha diferencia entre o Rei, ó que se lle permiten facer cousas, e o resto, a quen non. Tempo despois, sexa ou non representativo, o rei segue a ter prerrogativas que os máis non temos. E aínda máis, é inevitable un efecto contaxio a outras persoas, ben por proximidade de trato, lazos económicos ou sociais, proximidade na escala de poder ou outras causas, chegando dese xeito a que haxa máis xente que se vexa por riba da lei (políticos que a lexislan, empresaios que presionan para escapar dela, xuíces que deberan aplicala…), e a que se multipliquen en consecuencia os efectos negativos desa desigualdade entre ‘os poderosos’, que engaden privilexios ó seu poder inicial, e ‘o pobo’. Un efecto contaxio que se ve incrementado por evolucións que están a ter lugar noutras partes do mundo, dende o Israel de Netanyahu da fuxida adiante, xenocidio incluído, para eludir a súa propia culpabilidade e enxuizamento por outros temas, ós Estados Unidos de Trump, que pasa por riba das leis, militariza cidades, destrúe familias enteiras de inmigrantes e ameaza con postularse para outro mandato por riba do tempo establecido, como calquera ditador.

Exemplos máis próximos? Queda para outra; seguro que ti podes atopar máis dun.

Exit mobile version