Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregados os diplomas do Obradoiro Dual de emprego “Terras do Ortegal II”

Ortigueira, 12 de setembro, 2025. O Teatro da Beneficiencia acolleu hoxe, venres 12 de setembro, a entrega de diplomas da II edición do Obradoiro dual de emprego “Terras do Ortegal II”, que contou coa participación de 19 alumnos e alumnas traballadoras e que tiveron a oportunidade, durante 9 meses, de formarse e obter o certificado de profesionalidade de nivel 2 SSCS0208 Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Os alcaldes de Ortigueira, Valentín Calvín; Cerdido, Alberto Rey; Mañón, Alfonso Emilio Balseiro; e a alcaldesa de Cariño, Ana María López participaron na entrega dos diplomas aos 19 alumnos e alumnas que asistiron e que superaron a formación que conduce á obtención do certificado de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Nesta ocasión, a cita tamén contou coa delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, e o director territorial, Juan José Couce, que quixeron acompañar ao alumnado na clausura desta formación que pon fin a 9 meses de formación e emprego. Tamén asistiron representantes das asociacións de adaptación Ferrol, de ASPROMOR e da residencia de maiores.

Na súa intervención, a delegada territorial puxo en valor este tipo de formacións que axuntan formación teórico-práctica” prestando atención ás necesidades de cada contorna, neste caso unha comarca cunha poboación moi dispersa e envellecida”, explicou, “como a vía máis efectiva para acadar unha integración laboral máis alta que, a fin de contas, é o obxectivo que perseguimos”.

O alumnado quixo agradecer á Residencia de maiores ‘Dolores Díaz Dávila’, a ASPROMOR e ó Servizo Específico de Estimulación Terapéutica do Alzheimer e outras Demencias xestionado por AFAL Ferrolterra pola oportunidade brindada durante estos meses de visitar e realizar prácticas nas súas instalacións onde puideron consolidar ou adquirir habilidades para o desempeño da súa profesión.

O Obradoiro dual de emprego está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia cun importe de 411.870,09€ e co financiado polos Concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón con 15.000€.

Exit mobile version