Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres remata o prazo de matrícula no curso de inglés para comercio e hostalería que organizan Acisa e a Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo

Ribadeo, 17 de setembro de 2025. Este venres, 19 de setembro, remata o prazo de matrícula no curso de inglés para comercio e hostalería que organizan Acisa e a Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliña que “Ribadeo recibe cada ano a máis turistas chegados desde outros países, a maioría deles falan inglés e pensamos que sería moi bo que cando van a un bar, a un restaurante, a un hotel ou a un comercio se poidan comunicar con nós nesa lingua, dunha forma sinxela. O turismo estranxeiro vai a máis e nós debemos estar preparados para recibilo e para poder desenvolvernos do mellor xeito posible. Cantos mellores sexan os servizos que ofrecemos desde Ribadeo e desde os nosos negocios, mellor será para todas e todos. Iso redundará na boa imaxe que ofrezamos de Ribadeo e do seu tecido empresarial ao resto do mundo”.

Este novo curso de inglés terá lugar os venres de 9:30 a 10:30 horas desde setembro ata o mes de maio. Os contidos que se impartirán estarán relacionados coas transaccións diarias nun establecemento, saudar e despedirse, dirixirse a alguén, describir un produto, dar e pedir información sobre tallas, prezos, pratos, menús, alérxenos, horarios, reservas telefónicas, mails, dar indicacións básicas os turistas sobre direccións ou destinos, operacións de cobro…

O prazo de matrícula remata este venres, día 19. O custe é de 45 euros todo o curso mais 35 euros de apertura de expediente (para aquelas persoas que nunca estiveran matriculadas na EOI). As interesadas poden obter toda a información necesaria ou consultar calquera dubida na seguinte páxina web da EOI de Ribadeo https://www.edu.xunta.gal/centros/eoiribadeo/, escribir á seguinte dirección de correo electrónico eoi.ribadeo@edu.xunta.gal ou chamar ao teléfono 982 129 657”.

Exit mobile version