Fai unhas semanas lin o artigo de opinión do señor César Aja nos medios, no que culpa ás esquerdas de que Viveiro non teña hoxe unha Vía de alta capacidade. Hai que ter moita cara para facer tal afirmación, sobre todo vindo de quen foi protagonista das decisións máis lesivas para a nosa cidade.
No 2003 o proxecto que defendía a Xunta de Galicia do Partido Popular era unha auténtica barbaridade: A entrada a Viveiro era por Covas, atravesaba Cantarrana e subía por San Francisco (Avenida de Cervantes). Afectando completamente a Magazos e Xunqueira.
O que fixo o Alcalde Socialista Melchor Roel como debe facer calquer rexedor responsable defender o seu concello e ós veciños/as e facer unha proposta para evitar partir Viveiro en dous , protexendo Covas, Cantarrana, o casco urbano, Magazos e Xunqueira. Defendeu unha solución, unha variante oeste, dende o Folgueiro cara a Landrove. E así o trasmitiu.
Pero o máis grave é que o señor Aja se atreva a culpar a outros cando, sendo él Alcalde, se produciu a decisión máis dura para o futuro do noso Concello e tamén desta comarca: o desvío da Autovía do Cantábrico cara Vilalba, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga.
Aquela era unha auténtica oportunidade de ouro para vertebrar Viveiro co resto do territorio e deixouse escapar. Houbo manifestacións, protestas, houbo reivindicacións sociais, pero o Señor Aja permaneceu inmóbil, sen defender ó seu Concello; tiña que pagar os favores a costa de todos os veciños e veciñas.
E aínda se atreve hoxe a dar leccións. Pois convén lembrar que cando deixou a Alcaldía no 2003, o Concello quedou cunha débeda de 11 millóns de euros, de aquela, de hai máis de 20 anos. A a esta cifra hai que engadir todo o que se foi pagando ó longo dos anos en sentenzas xudiciais derivadas do seu mal facer: licenzas mal dadas, como o caso de Lodeiro, Nicolás Cora, o Pazo de Grallal, a débeda de aparcamentos A Mariña. En total máis de 14 millóns de euros que hipotecaron o futuro de Viveiro.
Por iso, señor AJA, quen deixou a Viveiro sen autovía, quen non defendeu unha variante digna e quen hipotecou económicamente ó Concello, non está en condicións de dar leccións a ninguén.
Gobernou Viveiro na maior época de bonanza económica que houbo no país, e sen ningún tipo de control xurídico. De ahí a famosa tarjeta visa . Deixando a Viveiro sen o máis importante, unhas boas infraestructuras e sen polígono industrial. Porque tivo que vir un Alcalde Socialista, Melchor Roel para sacar adiante o parque empresarial de Viveiro, que ainda está despuntando por causa da falta de comunicacións.
Viveiro non necesita artigos de opinión con memoria selectiva, senon compromiso real co seu futuro. Vostede, señor Aja, e a actual Alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde aceptaron nos seus postos políticos de responsabilidade que a Xunta de Galicia castigase a Viveiro e ós seu veciños todos estes anos.
Ningún dos dous estivo á altura.
Maria Loureiro García (ex alcaldesa de Viveiro).