Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariña Gueimunde: “A organización do vixésimo aniversario da UNED correspondeu á propia institución educativa”

Viveiro, 17 de setembro de 2025. O Concello de Viveiro aclara que a conmemoración do vixésimo aniversario da UNED foi organizada pola propia institución universitaria, en coordinación coa sede de Lugo e baixo a adscrición do Ministerio de Ciencia e Innovación.

A alcaldesa Mariña Gueimunde explicou que a responsabilidade da organización non recaeu no goberno municipal, senón exclusivamente na UNED. Neste sentido, respondeu ás manifestacións da voceira socialista María Loureiro, precisando que calquera cidadán ou cidadá, incluída a propia concelleira, puido asistir libremente ao ciclo de conferencias desenvolvido con motivo desta efeméride.

Durante o acto inaugural, realizouse unha lembranza institucional ao exalcalde que, no seu momento, impulsou a implantación da UNED en Viveiro. Con este xesto púxose en valor a traxectoria e o compromiso da cidade coa institución académica, un aspecto que, de ter asistido, María Loureiro podería comprobar directamente.

O Concello de Viveiro reitera o seu apoio á UNED e ao labor que vén desempeñando ao longo destas dúas décadas, consolidándose como un recurso educativo de referencia para A Mariña e para o conxunto da provincia.

Exit mobile version