No Pedro Murias ofrécense os ciclos medios de Formación Profesional Dual Intensiva de Produción Agroecolóxica e de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural
Aquelas persoas interesadas en matricularse poderán obter máis información nas páxinas web dos centros ou nos números de teléfono: 982 828 552 (Pedro Murias) e 982 828 367 (Becerreá).
Oferta no CFEA Pedro Murias de Ribadeo
No Pedro Murias, os estudantes interesados aínda poden presentar a súa solicitude de matriculación no ciclo medio de Formación Profesional Dual Intensiva de Produción Agroecolóxica, focalizado en fundamentos agronómicos e zootécnicos, a plantación de cultivos ecolóxicos e en principios de sanidade vexetal. Os estudantes que cursen este grao recibirán nocións sobre infraestruturas e instalacións agrícolas; así como en produción gandeira e vexetal en ecolóxico. Deste xeito, o alumnado deste ciclo poderá traballar como agricultor, criador de gando, na avicultura, en ecolóxico ou operador de maquinaria agrícola, entre outras saídas profesionais.
Ademais, tamén teñen dispoñible o grao medio de Formación Profesional Dual Intensiva de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se centra en cuestións silvícolas, como as instalacións forestais ou a sanidade vexetal. Impártense tamén materias relacionadas coa conservación de especies cinexéticas e piscícolas, así como as nocións necesarias sobre control fitosanitario. Os seus estudantes gozan dun amplo abano de saídas profesionais, como son, entre outras, o de especialista en traballos de repoboación e tratamentos silvícolas, motoserrista, traballador especializado en inventario, seguimento e adecuación dos hábitats forestais ou auxiliar de traballos de control de depredadoras e especies invasoras.
Hai que salientar, asemade, que este centro de referencia para o rural da Mariña de Lugo volve contar neste curso, como novidade, cunha residencia propia, na que ademais se veñen de acometer diferentes melloras, o que permitiu incrementar tamén a súa capacidade. Trátase de favorecer, desta forma, a conciliación do alumnado.
Oferta de Becerreá
En Becerreá, o alumnado que desexe matricularse dispón de prazas libres no ciclo ordinario do grao medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, no que se realizan operacións de repoboación forestal, de restauración ou ordenación hidrolóxico-forestal e de aproveitamento forestal, así como o control e a vixilancia do medio natural, manexando e mantendo a maquinaria e as instalacións forestais, consonte a normativa ambiental e de prevención de riscos laborais.
Cómpre salientar que no ciclo superior en Xestión Forestal e do Medio Natural que tamén se imparte neste CFEA cubríronse todas as prazas ofertadas, o que dá idea do interese espertado por este tipo de formación entre a mocidade.
Neste mesmo sentido, cabe lembrar os bos datos de matriculación do curso 2025/26 nos seis CFEA adscritos á Consellería do Medio Rural -ademais do Pedro Murias e do de Becerreá, están tamén os de Monforte de Lemos, todos eles na provincia de Lugo, así como os de Sergude, en Boqueixón, e Guísamo (ambos na Coruña), e o de Lourizán en Pontevedra-.
Cobertura de prazas superior ao 75 %
Desta forma, en total serán 532 alumnos e alumnas os que este ano cursarán os seus estudos da rama agraria nalgún destes centros, un dato lixeiramente superior ao do ano pasado e que aínda pode verse incrementado ata que peche este último prazo de matrícula. A maiores, é de destacar que se cubriron, en total, o 75 % das prazas de novo ingreso, ocupando a totalidade das ofertadas en ata sete ciclos dos 16 ofrecidos en primeira matrícula.
Cabe sinalar, a maiores, que nos ciclos da modalidade da Formación Profesional Dual intensiva, os estudantes reciben formación teórica no centro educativo e práctica -remunerada- nun centro de traballo. Isto favorece a súa inserción laboral, xa que ao rematar o ciclo o estudante contará con experiencia previa.