Site icon Crónica3.com A Mariña

Merluza D& Burela protagonista dunha masterclass de cociña mexicana en Valladolid

Burela, 30 de setembro, 2025. Este luns a Merluza D& Burela foi protagonista nunha masterclass exclusiva de Comida Mexicana en Valladolid, froito dunha colaboración entre a Escola Internacional de Cociña de Valladolid e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela dentro das súas “Rutas de Maridaxe”, incluídas no plan de produción e comercialización anual da OPP, cofinanciadas por Xunta de Galicia e FEMPA, co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

A xornada contou coa participación de dous recoñecidos expoñentes da cociña mexicana: o Chef Beza, representante do Caribe Mexicano, e a Chef Betzy Alvizo, orixinaria de Jalisco, quen compartiu o seu talento e paixón polos sabores auténticos de México.

Durante o evento, os asistentes puideron degustar pratos especialmente preparados, como “Birria de Res”, “Ceviche Negro de Merluza D& Burela” e “Tacos de Merluza D& Burela Tikin-Xic”, demostrando unha vez máis a gran versatilidade da pescada do pincho, da que a lonxa de Burela é líder a nivel europeo.

Esta nova iniciativa reforza tan só uns días despois do evento “Merluza D& Burela polo Mundo”, que se celebrou tamén en Valladolid a pasada semana, as infinitas posibilidades gastronómicas do peixe, e que desde o Porto de Burela poñen en valor en cada acción de promoción do seu “Peixe de Burela”.

O toque de sabor mex deullo a maridaxe final con tres etiquetas únicas de Tequila DonRamón: Reposado Cristalino Platinium, Plata Platinium e Plata Cerámica Luis Miguel.

Exit mobile version