O 20 de setembro chega a Mondoñedo o proxecto Xogal, que transformará as súas rúas e prazas nun enorme taboleiro de xogo
A experiencia, titulada “As chaves da historia”, propón aos participantes adentrarse nas rúas dunha das vilas máis emblemáticas de Galicia, atopando todas as claves da súa historia : “Que segredos se agochan baixo os alicerces dunha das cidades máis históricas de Galicia? Nesta aventura cruzarás rúas simbólicas, descubrirás imprentas perdidas, lendas de mariscais e partituras esquecidas. Un reto para quen se atreve a abrir as portas do pasado.”
Os participantes deberán resolver acertixos, preguntas e probar para completar o percorrido e clasificarse entre os mellores do proxecto, optando así a diversos premios.
A inscrición xa está aberta, de forma gratuíta, a través da ligazón: https://skeirrumtienda.com/xogal/. Para participar só é necesario dispor dun teléfono móbil con batería cargada, conexión a internet e calzado cómodo.
Con esta proposta, XoGal convida a redescubrir Mondoñedo e o seu patrimonio cunha fórmula innovadora que une xogo, historia e cultura.
XoGal é un proxecto que busca dinamizar o rural galego mediante a promoción cultural e turística baseada na gamificación, e contempla un total de 10 citas entre agosto e outubro de 2025, en dez concellos diferentes: Navia, Pedrafita do Cebreiro, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Abadín-Gontán, Vilalba, Pontedeume, Ortigueira e Neda.